
- Tres equipos que competirán por un primeiro premio de 600€ e un segundo premio de 300€
- Os traballos exhibiranse o sábado 4 de outubro ás 12 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta mañá ós participantes que formarán parte desta primeira edición de Faíscas, unha residencia audiovisual na que compitirán tres grupos de cinco persoas para desenvolver unha curtametraxe durante unha semana, en convivencia, e sempre asesorados e asesoradas polo coordinador da actividade, Tomás Lijó. O director artístico do festival, Óscar Doviso, foi o encargado de dar a benvida ós participantes «desexando que pasen unha semana intensa e produtiva».
Pola súa banda, Tomás Lijó, coordinador da actividade, sinalou que competirán tres proxectos realizados por mozas e mozos que están a iniciarse no mundo audiovisual, aprendendo tanto dos «bos exemplos como dos erros cometidos». Segundo as súas palabras, «seguro que será unha experiencia motivadora da que obterán grandes aprendizaxes».
Rúa Nosa
Andrea Varela, representante do equipo, definiu o proxecto como unha curta con tres protagonistas, tres mulleres que intentan renomear as rúas de Ourense con nomes de mulleres olvidadas: unha historia ficticia feita a partir dunha investigación de Calpurnia Abana.
Lúa de sangue
Pablo Galdeano foi o responsable de presentar o proxecto: unha curta que narra a historia de dous protagonistas, entre os cales destaca unha meiga que vive infiltrada na sociedade. Acompañaremos as súas aventuras e presenciaremos as reaccións daqueles que a rodean ó descubrir a súa verdadeira identidade.
Anoitecer
Segundo explicou Rodrigo Chapela Calo, o último dos proxectos é un falso documental que narra as vivencias dun músico marcado polo fracaso, amosando o seu día a día e os seus esforzos por comercializar unha música que apenas logra aceptación.







