
- Entregáronse 14 galardóns entre as Sección Oficial Internacional, Sección Oficial Panorama Galicia e Sección Oficial Curtametraxes, incluíndo as prestixiosas Calpurnias
- Daniel Guzmán recibiu a Calpurnia de Honra e presentou a súa nova película La deuda como peche da gala
O Auditorio Municipal de Ourense acolleu este sábado a gala de clausura da 30ª edición do Ourense Film Festival (OUFF), conducida por Lucía Rodríguez e Secun de la Rosa. A cerimonia combinou humor, dinamismo e momentos de emoción para recoñecer o mellor do audiovisual galego e internacional, cun total de 14 premios entregados.
Durante a gala, o director artístico do festival, Óscar Doviso, fixo balance da súa primeira edición á fronte do OUFF, destacando que «chegamos ó final dunha semana intensa, chea de emocións, descubrimentos e encontros». O Ourense Film Festival é, sobre todo, unha viaxe compartida, e hoxe toca poñerlle punto e seguido. «Porque un festival non remata realmente: queda en nós, nas películas que vimos, nas conversas que tivemos e na pegada que deixa en cada espectador e espectadora». Doviso agradeceu de corazón ó público pola súa curiosidade incansable, ó equipo do festival pola súa dedicación, ás institucións como a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, e ós patrocinadores. Tamén tivo palabras para os creadores que confiaron no OUFF, para as Faíscas da residencia audiovisual e para os milleiros de visitantes da exposición Making Movies. Subliñou o compromiso do festival coa sostibilidade, anunciando que as caixas utilizadas nos photocalls e puntos violeta serán reutilizadas polo banco de alimentos.
Numerosas persoalidades políticas asistiron á cita, entre elas Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, Anxo Lorenzo, Director Xeral de Cultura na Xunta de Galicia e Xosé Manuel Merelles, Director da Axencia de Turismo de Galicia, encargado de entregar o Premio do Público da Sección Oficial Panorama Galicia.
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, congratulouse polo «absoluto éxito de público» en proxeccións e actividades organizadas polo novo equipo de dirección do festival, que segundo dixo permitiu comprobar nestes días que «Ourense quere cinema e que Ourense demanda cultura».
Luis Menor puxo en valor o «inmenso traballo» realizado con obxectivos ben definidos como apostar por unha programación de calidade, aberta a todos os públicos, con novas seccións, e con especial atención ós creadores ourensáns.
Destacou tamén a enorme acollida de público que tivo a Sección Oficial Panorama Galicia e a Sección Oficial Internacional, a proxección de películas en horario matinal, as numerosas proxeccións con todas as localidades vendidas, e a fidelidade do público co plan «Bonodiez».
Ademais de felicitar a todos os premiados, Luis Menor agradeceu o «gran traballo» da nova dirección do festival liderada por Óscar Doviso, o apoio dos patrocinadores e «de cantas persoas contribuíron coa súa asistencia e participación a esta fantástica edición».
Concluíu asegurando que «a Deputación de Ourense seguirá dando vida ó festival de cinema de Ourense, ó Festival de Cinema de Galicia»,
Un dos instantes máis destacados da gala foi a entrega da Calpurnia de Honra ó actor e director Daniel Guzmán, recoñecemento á súa sólida traxectoria e á súa mirada comprometida co cinema social. Antes da proxección da súa última película, La deuda, proxectouse un vídeo sorpresa de Luis Tosar, quen lle dedicou unhas palabras de afecto e admiración.A noite contou tamén cunha actuación musical a cargo de Luis Fercán, que contribuíu a manter a emoción e a atención do público ata o final da cerimonia.

Premios entregados na 30ª edición do OUFF
Sección Oficial Internacional
- Premio Calpurnia á Mellor Película: Sandbag Dam (Croacia).
- Premio Carlos Velo á Mellor Dirección: Cris Tapia Marchiori por Gatillero.
- Premio Especial do Xurado: Utopolis.
- Premio ó Mellor Guion: Utopolis.
- Premio á Mellor Interpretación: Frank Dillane, por Urchin.
- Mención Especial: Lav Nososel, por Sandbag Dam.
- Premio Cima á Mellor Cineasta: Nayra Ilic por CuerpoCeleste.
- Premio do Público: Io e il Secco (Italia).
Sección Oficial Panorama Galicia
- Premio Calpurnia á Mellor Película: San Simón, de Miguel Ángel Delgado.
- Premio á Mellor Dirección: Antón Caeiro por Lola.
- Premio ó Mellor Guion: Lucia Dapena e Liliana Díaz por O Silencio Herdado de Lucía Dapena.
- Premio AISGE á Mellor Interpretación: Lucía Veiga por Mi Ilustrísimo Amigo de Paula Cons.
- Mención Especial: O meu nome é Camba, de Aser Álvarez.
- Mención Especial: Rapa, xente ao monte, de Alejandro Enriquez.
- Premio do Público: Te separas mucho, de Paula Veleiro.
Sección Oficial Curtametraxes
- Premio á Mellor Curtametraxe Galega: Hippocampus, de Xaime Miranda.
- Premio á Mellor Curtametraxe Internacional: And Thats For This Christmas, de Peter Vulchev.
- Mención Especial: Boca de asno, de Carlos Calvar.







