30 de septiembre de 2025
  • Ghaleb Jaber Ibrahim, presidente de honra da Fundación Araguaney, presentou a sección esta mañá aos medios
  • Haberá catro longametraxes e un documental centrados no cine euroarabe actual

Hoxe presentamos o Ciclo AMAL en Ruta ós medios de comunicación coa asistencia de Óscar Doviso, director artístico do festival, e de Ghaleb Jaber Ibrahim, presidente de honra da Fundación Araguaney-Puente de Culturas. Baixo o lema “Existir é resistir”, haberá cinco producións audiovisuais centradas en historias de resistencia do pobo palestino e doutros grupos en zonas de conflito.

Óscar Doviso recalcou que “esta programación sempre é ben recibida polo público ourensán, pero esta ano inda con máis entidade polo que está a acontecer na zona”. Ademais de agradecer a presenza de Ghaleb Jaber Ibrahim destacou a importancia de “dar visibilidade a estes conflitos que a veces acabamos deshumanizando de ver a diario nos medios de comunicación”.

O presidente de honra da Fundación Araguaney-Puente de Culturas agradeceu o esforzo da Deputación de Ourense e do propio OUFF por seguir colaborando con eles e lembrou que, desde hai décadas, o pobo palestino foi sometido a múltiples agresións: roubo de terras, confiscación de propiedades, demolición de vivendas, restricións de movemento, limpeza étnica, represión violenta, tortura e morte. “Os responsables desta masacre levan tempo utilizando a cultura e os medios de comunicación para encubrir as súas atrocidades. Por iso, cada poema, cada película, cada fotografía, cada libro que publicamos é sinónimo de loita. Os palestinos e descendentes de palestinos convertemos o mero feito de existir en resistencia. Amal non é só un festival de cine, é un acto de resistencia. Nos 23 anos de Amal, loitamos contra a desinformación que promoven as empresas de comunicación e outros organismos co obxectivo de deshumanizar a cultura e a cidadanía árabe e converter ao resto da sociedade en cómplices desta barbarie. Pero Amal significa esperanza, e este ano significa, sobre todo, resistencia” destacou.

Dentro do ciclo AMAL en Ruta contaremos con catro longametraxes e un documental, representativos do mellor cinema euroárabe actual, que formarán parte desta trixésima edición do OUFF. The Old Oak, do recoñecido director Ken Loach, inaugurará o ciclo esta tarde ás 19:30 horas no Teatro Principal, mentres que as demais películas poderán verse no Cineclube Padre Feijoo, que tamén colabora na sección, en sesións matutinas. Na nosa web pódese consultar toda a programación.