
1. A PROPOSTA
FAÍSCAS é un concurso por equipos, na modalidade de residencia, para a realización dunha obra audiovisual cunha duración determinada durante un tempo limitado.
2. OS EQUIPOS
- A inscrición será por equipos nunha única categoría.
- Cada equipo estará formado por un máximo de 5 membros que non poderán ser menores de 18 nin maiores de 30 anos. Deste equipo exclúese o elenco artístico ou os entrevistados.
- Os equipos deberán inscribirse neste formulario, onde deberán achegar o nome do proxecto, os datos de contacto da persoa que exercerá o labor de produción, unha descrición do proxecto e a sinopse, os datos privados de todos os integrantes do equipo (nome, apelidos, DNI, data de nacemento e biofilmografía) e o material técnico que se empregará para a gravación.
- Concursarán un total de 4 equipos.
- A organización fará a selección dos equipos concursantes en función da calidade do proxecto e da adaptación do relato proposto ás bases do concurso.
- Cada equipo seleccionado será responsable de achegar o material técnico que considere necesario para o desenvolvemento do seu proxecto.
3. FASES E DATAS DO CONCURSO
- Primeira fase: inscrición do equipos
A data límite de inscrición no concurso é o 24 de maio ás 23:59 h.
- Segunda fase: selección de equipos
Do 25 de maio ao 31 de maio, avaliaranse e valorarán os proxectos recibidos para a selección dos 4 equipos que finalmente participarán no concurso.
O 2 de xuño publicaranse os elixidos. O tempo de preprodución comezará desde o momento en que se notifiquen os equipos seleccionados.
- Tercera fase: selección de intérpretes
Entre o 2 de xuño e o 7 de xuño, os equipos seleccionados revisarán e seleccionarán os candidatos de interpretación da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia que máis se adapten ao seu proxecto. Permitirase un máximo de 3 intérpretes por equipo. Se un proxecto necesitase máis intérpretes, podería incorporalos, pero á marxe do acordo coa ESAD e sen dereito á pensión completa que ofrece a residencia audiovisual, é dicir, a estas persoas non se lles facilitaría hospedaxe e manutención.
- Cuarta fase: produción e rodaxe
Os equipos concursantes deberán presentarse o día 25 de xuño ao 10.00 h no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense para proceder á entrega de credenciais e a explicación detallada das bases do concurso. Así mesmo, asistirán a unha masterclass enfocada nos seus proxectos.
Entre o 25 e o 30 de xuño, poderán gravar e montar a súa obra. A primeira versión da peza final de montaxe enviarase antes das 20.00 h do 30 de xuño coa ligazón de descarga correspondente.
Durante ese tempo, ademais, convivirán co resto de equipos nunha residencia audiovisual con pensión completa.
- Quinta fase: posprodución
Os equipos poderán traballar na posprodución e versión final do seu proxecto ata o 7 de setembro ao 23.59 h. Iso si, non poden incorporar novo material gravado, senón que deben cinguirse á montaxe enviada na primeira versión.
- Sexta fase: exhibición
Do 25 de setembro ao 4 de outubro, no marco da 31ª edición do Ourense Film Festival, exhibiranse os traballos concursantes e anunciaranse as persoas gañadoras nun evento especial.
4. O RELATO
- O proxecto proposto deberá estar gravado integramente na cidade de Ourense e na súa contorna. A obra poderá ser de ficción, documental ou reportaxe.
- Deberá poñer en valor os aspectos arquitectónicos, sociais, históricos, artísticos, etnográficos ou naturais do territorio.
- Así mesmo, valorarase de forma positiva a transmisión de valores sociais como a igualdade, a non discriminación, a integración, etc.
- A peza final deberá ter unha duración mínima de 3 minutos e máxima de 15 minutos.
- A obra deberá estar en galego (incluídos créditos e información textual).
- Deberá comezar e rematar co logotipo que achegará a organización da sección FAÍSCAS do OUFF.
5. SELECCIÓN DOS PROXECTOS
Entre todos os proxectos enviados seleccionaranse 4 equipos, que pasarán á fase de concurso. Para a selección valorarase:
- A viabilidade do proxecto.
- A orixinalidade da idea presentada.
- A adecuación á representación dos valores arquitectónicos, sociais, históricos, artísticos, etnográficos ou naturais da contorna da cidade de Ourense especificados nestas bases.
6. A CONVIVENCIA
- Todos os equipos serán aloxados nun mesmo lugar, no que deberán cumprir as normas de convivencia establecidas polo propio centro. As habitacións serán con liteiras e mixtas (10-12 persoas por habitación).
- Tanto o almorzo como o xantar e a cea serviranse no aloxamento, dentro duns horarios establecidos.
- Ademais do contacto coa persoa responsable da coordinación da actividade, as persoas participantes contarán cunha titoría personalizada cunha profesional do sector.
7. A SELECCIÓN DE INTÉRPRETES
O alumnado actualmente matriculado na Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia poderá participar na residencia audiovisual como intérpretes nalgunha das obras seleccionadas para o concurso.
- Do 27 de abril ao 31 de maio, as persoas interesadas deberán presentar a súa candidatura con fotos, videobook e unha carta de motivación.
- Entre o 2 e o 7 de xuño, os equipos audiovisuais que participarán en Faíscas revisarán e seleccionarán as persoas intérpretes.
- Entre o 8 e o 12 de xuño comunicarase a selección por parte destes equipos.
- Entre o 25 e o 30 de xuño, as persoas intérpretes participarán xunto cos seus equipos na residencia audiovisual.
- Do 25 de setembro ao 4 de outubro, as pezas finais serán exhibidas no marco do Ourense Film Festival, onde tamén se celebrará a entrega de premios.
8. OS PREMIOS
- O concurso FAÍSCAS está dotado cun primeiro premio de 600 € e un segundo de 300 € para as obras audiovisuais que determine o xurado.
- Os dereitos de explotación non comercial das obras premiadas serán cedidos á Deputación de Ourense para a súa promoción.
- A exhibición de todas as pezas e a entrega de premios terán lugar no marco da 31ª edición do Ourense Film Festival.




