Faíscas

A II Residencia Audiovisual Faíscas consolidouse nesta edición do OUFF como un espazo crucial no que darlle pulo ao talento emerxente.

Durante intensas xornadas de convivencia e creación no corazón de Ourense, tres equipos de mozos e mozas cineastas desenvolveron os seus proxectos baixo a titoría de Zeltia Outeiriño e inspirados pola masterclass de Anxos Fazáns.

Os residentes, aloxados no establecemento colaborador Grelo Hostel, converteron as rúas, prazas e recantos ourensáns no seu propio plató de rodaxe. Esta experiencia creativa contra o reloxo culminou coa entrega das curtas, que amosaron a forza, orixinalidade e vitalidade do novo audiovisual galego. Un éxito colectivo que deixou unha pegada inesquecible no festival, facendo as delicias do público que acudiu ás proxeccións. 

Proxectos

The making of Machada Sanguínea 4: O leñador eterno

DANIEL SABUCEDO SEQUEIROS, ANDREW FERNÁNDEZ PARDO, EVA GARCÍA PEÑA, ROI LÓPEZ PATO, PABLO BAHAMONDE SÁNCHEZ / Galicia / 2026 / Ficción

Comedia en formato de falso documental sobre o asasino dunha mala película slasher dos anos 80 ambientada en Ourense. Eduardo Nogueira, un lobishome que converteu a súa maldición nun traballo, narra a súa historia á cámara mentres busca vingarse asasinando a todo aquel que acampa no seu territorio encantado.

Só ida

ÁLVARO POMBO FEIJÓO / Galicia / 2026 / Ficción

Un rapaz dunha pequena vila viaxa a Ourense co obxectivo de gañar a vida xunto ao seu tío. Porén, tras encadear unha serie de fracasos laborais e verse enredado en situacións completamente absurdas, vese na obriga de regresar de volta á casa collendo o último autobús da xornada.