
Unha obra de Xulia Vicente
O cartel do OUFF · Ourense Film Festival pon rostro, cor e alma da 31ª edición do festival, que se celebrará do 25 de setembro ao 4 de outubro. É un deseño de Xulia Vicente (Cariño, 1993).
Sobre a autora
Xulia é unha das artistas e historietistas galegas con maior proxección nacional e internacional, vangarda do cómic galego e galardoada co prestixioso premio Ignatz nos Estados Unidos. O seu estilo, cargado de dinamismo, sensibilidade e frescura narrativa, é inconfundible, eleva o nivel do festival e conecta de forma directa coas novas linguaxes estéticas e as novas xeracións de cinéfilos.
O significado
O cartel deste ano supón unha homenaxe sincera e explícita a todas as profesións vinculadas ao cine, especialmente a aquelas que traballan detrás das cámaras, pero tamén ao xeito de facelo. A base da ilustración é un gran ollo —a mirada do creador— que se abre a ver, compartir e debater sobre as obras artísticas de outros autores e autoras para que se plante a semente da creatividade e da creación artística. Así, xérase esa árbore de transmisión de ideas que permite que proliferen as obras e o talento.
Outro dos elementos máis destacados da peza da coruñesa, que ademais cobra moito protagonismo na versión animada de Soraya Picouto, son as aves que representan precisamente a abundancia de ideas, proxectos e talento que ten o panorama cinematográfico actual. A garza, tan característica das marxes do río Miño en Ourense, ten o seu protagonismo entre os paxaros representados, conectando toda a obra coa nosa cidade.




