
1. Obxecto
O Ourense Film Festival (OUFF), ten como obxectivo fundamental ser un foro cultural para a defensa, promoción e coñecemento dun audiovisual galego de calidade, persoal e que implique risco e independencia a nivel creativo.
2. Datas de celebración
A 30 edición do OUFF terá lugar do 26 de setembro o 5 de outubro de 2025.
3. Sede
Ourense Film Festival (OUFF)
Centro Cultural Marcos Valcárcel
Rúa Progreso, 30
32003 Ourense (España)
Teléfono: + 34 988 317 896
www.ouff.org
ouff@depourense.es
4. Seccións Oficiais
Competicións oficiais de longametraxes e curtametraxes.
5. Participantes
Poderán concursar as persoas físicas ou xurídicas (produtoras, distribuidoras…) que posúan o debido control legal sobre as obras que presenten a competición..
6. Requerimentos das películas
- Deberán estar producidas íntegramente en Galicia, coproducidas con participación galega ou con dirección galega entre os anos 2024 ou 2025.
- No caso de ser una produción íntegramente española deberá ter parte do equipo técnico e artístico galego ou ter unha temática central galega.
- Poderán ser obras de ficción, animación ou documentais.
- As películas non poderán terse estreado con anterioridade ó OUFF en salas comerciais.
- Deberán ter unha duración superior ós 45 minutos para longametraxes e inferior a 15 minutos para curtametraxes.
7. Como participar
A inscrición das películas para participar nesta sección será de balde e deberá facerse polos seguintes canais a través de Festhome ou Click For Festivals.
- O prazo de recepción de películas rematará o 30 de xullo de 2025.
- A dirección do festival reservase o dereito de poder seleccionar títulos que por diferentes motivos cheguen fora de prazo.
8. Selección
Unha comisión nomeada pola organización será a encargada de invitar as películas que competirán nesta sección oficial do certame.
9. Obrigas dos seleccionados
Os participantes cuxas películas sexan seleccionadas para a sección competitiva deberán cumprir as seguintes disposicións:
- A total aceptación das presentes bases.
- Cesión dos dereitos para a exhibición pública das súas películas.
- Acreditar a posesión das obras que presentan. O cumprimento deste punto será responsabilidade total da persoa participante, non do festival, e poderá supoñer a exclusión da súa obra, de observarse incumprimento.
- Autorización para divulgar materiais das películas inscritas (fotogramas, carteis, fichas, fragmentos do guión, textos de prensa, etc.). Os participantes autorizan a difusión de até dous minutos de imaxes das devanditas películas en calquera medio de comunicación.
- Aceptación de que, no caso de obter algún dos premios con dotación económica outorgados na competición, incluirán unha referencia ó mesmo de forma obrigatoria e inescusable, alomenos, no material informativo e promocional impreso (press- books, carteis, etc.).
- Deberán facilitar á organización todo o material que se lle solicite (carteis, press book, fotografías, listado de diálogos, etcétera).
- Facilitarán á organización a copia de proxección (a ser posible en DCP).
- Non poderán retirar a película da programación.
- A copia deberá estar en poder do festival antes do 10 de setembro de 2025.
- Os representantes legais das obras comprométense a non facer pública a selección oficial, así como a selección dos premiados, ata que o faga o propio festival. O incumprimento desde punto poderá ser motivo de exclusión da competición. No caso de suceder, a obra excluída relevarase pola primeira obra que figure na reserva da preselección interna.
- A persoa ou entidade que presenta a película seleccionada comprometese a que asistan o festival representantes do equipo técnico ou artístico.
10. Exhibición
- As proxeccións da competición de longametraxes faranse en sistema DCP -que cumpra a normativa internacional DCI- ou no formato que considere o festival.
- As produtoras ou distribuidoras que inscriban a película deberán facilitar as KDM para os servidores das sedes do festival, correndo os gastos por conta delas.
- Durante a celebración do certame a organización resérvase o dereito de exhibir as películas seleccionadas nas salas cinematográficas e espazos vencellados a este festival un máximo de catro sesións. A organización establecerá a orde, data e horario de exhibición.
- As películas deberán permanecer en poder do festival para a súa exhibición ata o seu remate.
- As obras gañadoras serán proxectadas, nun pase especial, o día seguinte o remate do certame.
11. Xurado
- Os premios das seccións oficiais serán outorgados por un xurado, designado pola organización e formado por tres profesionais do mundo cinematográfico, audiovisual, medios de comunicación e cultura.
- O xurado non poderá declarar deserto ningún premio nin concedelo ex aequo.
- O xurado poderá conceder as mencións especiais (sen dotación económica) que considere oportunas.
- As decisións do xurado serán inapelables.
12. Premios da sección oficial
Na competición oficial, o xurado outorgará os seguintes galardóns:
- Premio Calpurnia á Mellor Película – 8.000€ + Trofeo
- Premio á Mellor Dirección – 2.000€ + Trofeo
- Premio ó Mellor Guión – 1.500€ + Trofeo
- Premio á Mellor Curtametraxe – 2.000€ + Trofeo
13. Premios paralelos:
- Premio do Público – 2.000€ + Trofeo
- Premio AISGE á Mellor Interpretación – 1.500€ + Trofeo
* O Premio do Público concederase ó film da competición oficial de longametraxes que obteña unha maior puntuación ponderada en función dos votos emitidos polos espectadores tralas proxeccións.
* Premio AISGE: Concédeo a Fundación de Artistas Intérpretes Sociedade de Gestión (AISGE) á mellor interpretación.
14. Reparto económico de premios
Na sección oficial, a dotación económica dos premios corresponderá integramente á distribuidora o produtora que presentara a película no caso do galardón a mellor película, coa excepción dos premios a mellor dirección, guión e interpretación que serán para as persoas físicas que resulten gañadoras. En tódolos casos as retencións fiscais e outros gastos en que se poida incorrer á entrega dos premios en metálico serán deducidos destes, co que o montante final variara dependendo das condicións establecidas por cada país e da forma en que se realice o pagamento.
15. Premiados: presencia na gala de clausura
Os galardoados deberán estar presentes na gala de clausura do festival para recoller o premio. De non poder asistir deberán xustificar a súa ausencia por causas de forza maior, do contrario a organización entenderá que o premiado renuncia tanto o premio en metálico como o trofeo correspondente.
16. Resolución final
As dúbidas que poidan xurdir sobre a interpretación destas bases, así como os conflitos que puideran producirse derivados da súa aplicación, en canto á organización ou funcionamento serán competencia exclusiva da organización do festival.




