Contaaluz, de Xosé Poldras

Unha carpeta artística de Xosé Poldras, que establece un diálogo entre a arte do gravado e os propios alicerces da imaxe cinematográfica

A obra está composta por tres gravados inspirados nos célebres estudos de Eadweard Muybridge sobre a imaxe en movemento, figura fundamental na investigación do movemento e os seus mecanismos de representación. A carpeta incorpora tamén a tradución ao galego da primeira patente do cinematógrafo dos irmáns Lumière. O conxunto complétase con dous textos de David González Couso e Valentín Barreiros Bermejo, que achegan diferentes perspectivas sobre a Sétima Arte.

Contaaluz

4 de maio
  • Libraría Tanco

  • Con Xosé Poldras, David González Couso e Valentín Barreiros Bermejo

Contaaluz convértese así nunha pequena peza editorial e artística na que pasado e presente se encontran para reflexionar sobre a fascinación humana por capturar, fixar e reproducir o movemento.

Xosé Poldras

Artista galego, nado na Coruña e residente en Ourense, onde desenvolve tamén o seu labor como profesor de debuxo. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Salamanca e doutor pola Universidade de Vigo, a súa traxectoria artística está especialmente vencellada ao gravado, disciplina na que combina técnicas tradicionais como a punta seca, a xilografía, o linóleo ou a colografía cunha mirada contemporánea e persoal. Dende finais dos anos oitenta participou en numerosas exposicións e certames nacionais e internacionais. A súa creación esténdese tamén á ilustración, á poesía visual, á performance e aos libros de artista, establecendo un diálogo constante entre a arte gráfica, a literatura e a reflexión sobre a condición humana.

Galería de fotos