
Terra do anel. Unha viaxe entre Reinos achega a Ourense pezas inspiradas no universo da trilogía El señor de los anillos
Un fascinante percorrido polos diferentes pobos, personaxes e lugares da Terra Media.
O Centro Cultural Marcos Valcárcel transfórmase por completo na Terra Media para acoller unha das apostas máis agardadas e ambiciosas desta 31ª edición do festival. Co gallo do 25º aniversario da saga cinematográfica de El Señor de los Anillos, o OUFF presenta Terra do Anel. Unha viaxe entre Reinos, unha mostra extraordinaria que reúne unha coidada e única colección de pezas inspiradas nun dos universos fantásticos máis recoñecíbeis e admirados de todos os tempos.
Exposición Terra do anel
A exhibición reúne pezas procedentes de coleccións privadas e dalgúns dos fabricantes máis prestixiosos e recoñecidos no mundo do coleccionismo fantástico a nivel internacional.
Esta selección de esculturas de gran formato e réplicas permite observar cada matiz con abraiante precisión: dende as texturas dos tecidos e materiais ata a expresión, forza e caracterización única de cada personaxe.
A través dunha coidada selección e de ambientacións detalladas, o visitante pode realizar un itinerario directo dende a Comarca ata os reinos máis afastados, descubrindo de preto estatuas a escala, figuras a tamaño real, reproducións oficiais de armas e todo tipo de obxectos de coleccionismo lendarios. Desde a tranquilidade dos fogares dos Hobbits ata os grandes dominios dos Homes, pasando pola elegancia dos Elfos, a forza dos Ananos e o misterio das criaturas que habitan este universo cinematográfico, a mostra permite apreciar o extraordinario traballo artístico, técnico e artesanal que hai detrás de cada representación.
Unha viaxe inesquecíbel entre reinos, lendas e personaxes. Unha oportunidade privilexiada para contemplar de preto un universo que, un cuarto de século despois da súa chegada aos cines, continúa formando parte viva da imaxinación de varias xeracións. O público pode gozar, ademais, dunha experiencia aínda máis completa grazas ás visitas guiadas a cargo do persoal especializado de Júpiter Juegos Ourense, deseñadas para espertar a fascinación tanto dos fans máis fieis como de quen se achegue por primeira vez a esta historia monumental.




