Premios Honoríficos 2026

Calpurnia de Honra

Javier Gutiérrez

Javier Gutiérrez

Javier Gutiérrez é unha das figuras máis respectadas e queridas do panorama audiovisual español; un intérprete capaz de transitar con solvencia entre o drama máis esixente e a comedia máis afiada. Pola súa traxectoria, a súa relevancia na industria e o seu carácter interdisciplinar —móvese con soltura tanto no audiovisual coma no teatro— recibe a Calpurnia de Honra da 31.ª edición do OUFF – Ourense Film Festival.

Javier Gutiérrez naceu en Asturias, pero é galego de adopción. Con apenas un ano, a súa familia mudouse a Ferrol, onde viviu até os 19. Formado no teatro e dotado dunha versatilidade pouco común, Gutiérrez destaca pola súa precisión interpretativa, pola intelixencia coa que aborda os matices psicolóxicos dos seus personaxes e pola habilidade para transformar roles aparentemente pequenos en figuras memorables. Deste xeito, conseguiu que permanezan na memoria colectiva personaxes tan diferentes como o inspector Juan Robles de La isla mínima, Álvaro de El autor, Marcos de Campeones ou o entrañable Sátur da televisiva Águila Roja.

Recoñecido con numerosos galardóns, Javier Gutiérrez representa unha forma de entender o oficio baseada na honestidade, na artesanía e no compromiso coa historia que se conta. A súa presenza na pantalla é garantía de calidade. O seu nome, promesa doutro personaxe inesquecible.

Premio Ópera Prima

OperaPrima_Jaime Lorente

Jaime Lorente

Actor, director e escritor español acaba de facer o seu debut na dirección coa longametraxe El mal hijo, pola que recibe o Premio Ópera Prima nesta 31 edición.

A súa primeira aparición como actor profesional foi na serie de Antena 3 El secreto de Puente Viejo (2016), no papel de Elías Mato. Un ano despois chegou o seu grande éxito con La casa de papel, pola que foi candidato a mellor actor de elenco en televisión nos premios da Unión de Actores e Actrices na edición do 2018, e como mellor actor secundario de televisión na edición do 2019. Outros éxitos televisivos na súa carreira en ficción foron Élite (2019) e El Cid (2020).

Mentres participaba nas mencionadas series televisivas, comezou a súa carreira no cine rodando Historias románticas (un poco) cabronas no 2016, que foi emitida no 2018, ano no que estreou Todos lo saben, do director iraniano Asghar Farhadi; película que o catapultou internacionalmente e na que compartía pantalla con Javier Bardem, Penélope Cruz e o actor arxentino Ricardo Darín. Ese mesmo ano estreou o thriller policíaco La sombra de la ley, do galego Dani de la Torre, xunto a Luis Tosar. A súa última estrea como actor é La silla (2026), do tamén director galego Ángel de la Cruz.

No teatro actuou na produción teatral Equus, pola que gañou o Premio ao Mellor Actor na primeira edición dos Premios María Jesús Sirvent. Así mesmo, formou parte de Cambalache Teatro e La Joven Compañía.

Premio Chano Piñeiro

Premio chano Pineiro_José Manuel Lorenzo

José Manuel Lorenzo

José Manuel Lorenzo é un nome esencial no audiovisual español. O seu labor, sempre guiado pola calidade, a innovación e o respecto polo oficio, sitúao como referente da industria. Por todo isto, recibe o Premio Chano Piñeiro do OUFF – Ourense Film Festival, un recoñecemento á súa contribución decisiva á cultura audiovisual contemporánea.

Aínda que se formou como enxeñeiro industrial, a súa paixón por contar historias axiña se abriu camiño. Comezou a súa carreira ligado á televisión, primeiro en RTVE e máis adiante como director xeral de Antena 3 e Canal+. Perseguindo novos retos, tamén se puxo á proba como actor ás órdes de grandes nomes como Guillermo del Toro ou Agustín Díaz Yanes. Ao longo dunha carreira de máis de 25 anos, Lorenzo soubo combinar a ambición artística coa capacidade de chegar a públicos diversos.

A súa traxectoria abrangue desde grandes producións televisivas até películas de autor, historias que atoparon un lugar propio na memoria colectiva. Aí están, por exemplo, as longametraxes Solo quiero caminar (2008) e Señor, dame paciencia (2017), ou as series La caza (2019–2023) e Dime quién soy (2020). Lorenzo é, ademais, un produtor que concibe a creación como un proceso coral, no que cada profesional —guionista, intérprete, dirección…— contribúe de maneira decisiva ao resultado final.

Premio Especial OUFF

premio_especialOUFF_Charo López

Charo López

Charo López é unha das figuras máis fascinantes, magnéticas e rotundas da historia do espectáculo en España. Nada en Salamanca, estudou Filosofía e Letras antes de ser descuberta polo director Gonzalo Suárez, con quen iniciou unha frutífera relación artística en películas como Ditirambo (1969), El extrañamiento ou La regenta.

Foi na televisión, porén, onde Charo López acadou unha dimensión mítica e un cariño popular indestrutible. A súa interpretación da inesquecible Clara Aldán en Los gozos y las sombras (1982) e da Sabel de Los pazos de Ulloa (1985), baseada na novela de Emilia Pardo Bazán.

No cine, a súa consagración definitiva chegou coa súa conmovedora interpretación en Secretos del corazón (1997), de Montxo Armendáriz, actuación coa que gañou o Premio Goya á Mellor Actriz de Reparto. O filme foi, ademais, candidato ao Óscar á Mellor Película de Lingua Non Inglesa e gañador do Ánxel Azul no Festival de Berlín.

O teatro é a súa outra gran paixón e abeiro constante, encabezando montaxes memorables como Tengamos el sexo en paz, El reclinatorio, Ojos de agua ou La infamia. Galardoada coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, Premio Ondas e varios Fotogramas de Plata, Charo López encarna o talento sen concesións, a dignidade interpretativa e o carisma absoluto dunha verdadeira icona da nosa cultura.