Ciclo Edgar Neville

Este ciclo de catro películas rende homenaxe ao director español

O Ciclo Edgar Neville, formado por catro destacados títulos da filmografía do cineasta madrileño, constituíu a actividade inaugural do OUFF 2026, ao tempo que serviu para anunciar a publicación do libro El cine de Edgar Neville. Casticismo y modernidad, dirixido por José Luis Castro de Paz e Casimiro Torreiro Gómez.

O ciclo tivo lugar no Campus de Ourense da Universidade de Vigo, no Salón de Grados Vicente Risco do Edificio de Ferro.

Ciclo Edgar Neville

7 – 28 de maio
  • La torre de los siete jorobados

  • Nada

  • El último caballo

  • Mi calle

Quen foi Edgar Neville

Nado o 28 de decembro de 1899, Edgar Neville, conde de Berlanga de Duero, foi unha das personalidades máis senlleiras do panorama artístico español da primeira metade do século XX e, de certo, un dos cineastas máis orixinais e persoais da historia do cinema español.

Cosmopolita, membro da denominada «Outra Xeración do 27» —a dos «humoristas», reunidos en parte arredor da revista La Codorniz, fundada por Miguel Mihura en 1941—, a súa obra é capaz de combinar, nunha singular harmonía, a influencia vangardista de Ramón Gómez de la Serna coa visión rexeneracionista do seu tamén amigo José Ortega y Gasset, todo sobre a base do universo costumista e castizo do sainete, sen esquecer a súa formación en Hollywood nos primeiros anos do cinema sonoro.

Así, por exemplo, en La torre de los siete jorobados (1944) conviven elementos propios do sainete con outros procedentes da novela detectivesca, así como trazos que, nunha afortunada mestizaxe, beben directamente do expresionismo cinematográfico alemán (elementos fantásticos na trama, fotografía en claroscuro, carácter caligaresco dos decorados…). Esta operación prolongarase noutros dous títulos que poden agruparse co anterior nunha triloxía non declarada: Domingo de carnaval (1945) e El crimen de la calle de Bordadores (1946), sorprendentes cruzamentos entre a reconstrución castiza do Madrid popular e determinados elementos do xénero policial.

Entre esta tríade de obras mestras e despois dela, destacan outros títulos igualmente salientables, como a comedia, á vez costumista, sofisticada e fantástica, de La vida en un hilo (1945); a escura adaptación da novela de Carmen Laforet Nada (1947), ou a nostálxica e deliciosa El último caballo (1950), xunto con outras películas sempre de grande interese que culminan con Mi calle (1960), o seu testamento cinematográfico.