O Ourense Film Festival convértese nesta 31.ª edición no escenario dun encontro histórico para o noso panorama audiovisual.

O Foro La Región acolle unha das figuras máis influentes, respectadas e transformadoras do cinema internacional das últimas décadas: José Luis Rebordinos. O (ata este ano) director do prestixioso Festival Internacional de Cine de San Sebastián escolle Ourense para compartir as súas experiencias e reflexións nunha das súas últimas intervencións públicas antes da súa xubilación.

Festival de San Sebastián: presente e retos futuros

29 de setembro
  • Centro Cultural Marcos Valcárcel

  • 19:30 h

  • Entrada de balde

Nado en Errenteria en 1961, a traxectoria de Rebordinos está ligada á xestión cultural e á paixón polas historias na pantalla.

Licenciado en Pedagoxía Especial, antes de asumir a dirección do Donostia Zinemaldia en 2011, formou parte do seu comité de dirección durante quince anos. Ademais, pilotou durante 21 anos a Semana de Cine Fantástico e de Terror e, durante oito, o Festival de Cine e Dereitos Humanos da cidade. Director da Unidade de Cine de Donostia Kultura e da colección de libros Nosferatu durante 22 anos, é coautor de diversos ensaios sobre cineastas vascos e asiáticos. Membro da European Film Academy (EFA), da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España e Membro de Honor da Academia de Artes y Ciencias Cinematográficas de Argentina, recibiu a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes no 2015 e foi nomeado Cabaleiro da Orde das Artes e das Letras de Francia no 2021, sumando, no 2024 e 2025, recentes galardóns honoríficos á súa traxectoria en Arxentina.

Baixo o seu mandato en San Sebastián, o certame vasco deu un salto cualitativo cara á modernización, potenciando a área de industria, abrindo mercados de codesenvolvemento co cinema latinoamericano e apostando pola sostibilidade. A súa presenza no OUFF, articulada a través do Foro La Región, non foi só un tributo á súa impecable traxectoria como xurado en festivais como Tokyo, Locarno ou Biarritz, senón un agasallo para todo o tecido cultural galego. Profesionais e cinéfilos ourensáns teñen a oportunidade de escoitar as súas vivencias e debater sobre os retos dunha industria en constante cambio. Un encontro inesquecible onde o OUFF conecta Ourense coa cima do cinema mundial.