
Making Movies: Un viaje detrás de las cámaras achega a Ourense pezas orixinais de Star Wars, Indiana Jones e Alien, el octavo pasajero
A mostra é unha das actividades paralelas máis destacadas da 30ª edición do OUFF. Poderá visitarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel con entrada libre para todo o público.
Making Movies reúne máis de cen pezas orixinais, entre as que se inclúen debuxos conceptuais, elementos de atrezzo, guións, vestiario, claquetas e armas utilizadas nestas películas icónicas. Cada lote está acompañado dunha explicación detallada sobre a súa función, contexto e aparición en escena, permitindo deste xeito que o visitante poida comprender a relevancia de cada elemento dentro da narrativa audiovisual.
Exposición “Making Movies”
O seu principal obxectivo é achegar aos espectadores deste OUFF o complexo proceso creativo que se agocha detrás das grandes producións cinematográficas.
A exposición, que xa percorreu diversos puntos da xeografía española, propón unha inmersión fascinante no universo técnico e artístico das triloxías de Star Wars e Indiana Jones, dúas das que máis seguidores reúnen no universo cinematográfico, ou do clásico Alien, el octavo pasajero. O seu principal obxectivo é achegar aos espectadores deste OUFF o complexo proceso creativo que se agocha detrás das grandes producións cinematográficas, revelando o traballo minucioso de profesionais que, aínda que non aparecen en pantalla, son imprescindibles para dar vida ás historias que emocionan ao público.
A mostra, que é perfecta para públicos de tódalas idades, contará cun programa de visitas guiadas conducidas por Alba Polo e o equipo de Júpiter Juegos, que enriquecerán a experiencia cun enfoque divulgativo e participativo. Making Movies é, sen dúbida, unha proposta que conxuga entretemento, aprendizaxe e admiración polo oficio cinematográfico, e que reforza o compromiso do OUFF coa difusión cultural e o amor polo cine neste 30 aniversario.
















