Presentación
Sábado 4/10 – 11:00h
Ceres 1894

Sinopse
Almas ao unísono pon o foco no proceso creativo como acto de memoria, afecto e expresión artística. O escultor Manuel Buciños rende homenaxe á amizade co pintor Xavier Pousa, falecido hai vinte e catro anos. A través dun arquivo excepcional en Super 8, a película recupera a súa vida cotiá, os espazos que inspiraron a súa obra e a transformación de Galicia ata a democracia, debuxando un relato coral sobre amizade, arte e memoria.
Ficha Técnica
Título: Almas ao unísono
País: Galicia
Ano: 2025
Dirección: Pablo Gómez Sala, Sara Blas Bolonio
Xénero: Documental
Pablo Gómez Sala

Licenciado en Ciencias da Información, con mestrados en Dirección Cinematográfica e Xestión Publicitaria, é doutorando en cinema doméstico cun enfoque antropolóxico na USC. Iniciouse como director de fotografía en El veneno del baile (2007, Paco Cao, CGAC), rodado en Súper8, e desde entón participou en numerosos proxectos en soporte fotoquímico, como Museum Beauty Contest. Dirixe o MOCA, Museo en liña de Cinema Autobiográfico, centrado na memoria, a identidade e os arquivos domésticos, que desde 2019 conserva un arquivo con máis de 20.000 metros de película recuperada.
Sara Blas Bolonio

Graduada en Antropoloxía (UNED) e Economía (UAM), xestiona o MOCA, onde cataloga e analiza cinema doméstico nas súas dimensións culturais e sociais. Dixitalizou máis de 3.500 metros de películas familiares de Xavier Pousa, realizando entrevistas que contextualizaron o proxecto. Desde 2023 codirixe con Pablo Gómez Sala Cinema Náufrago, centrado no patrimonio audiovisual do Parque Nacional das Illas Atlánticas. En 2024 incorporouse
ao proxecto Mapas de memoria (UNED), investigando fosas comúns da posguerra en Ciudad Real. O seu traballo combina investigación antropolóxica e acompañamento de procesos de duelo, memoria colectiva e diálogo entre familiares, arquivos e investigadores.




