Calpurnia de Honra

Daniel Guzmán
Comeza a súa carreira como actor con catorce anos no teatro e na televisión, e axiña deu o salto ao cinema con títulos como Éxtasis de Mariano Barroso ou Barrio de Fernando León de Aranoa, confirmando a súa capacidade para encarnar personaxes marcados pola intensidade e a veracidade. Ao longo da súa carreira como actor traballou en películas como Hola, ¿estás sola?, Rewind ou A golpes, así como en series de grande repercusión popular, aínda que sempre mantendo unha clara vocación de vincularse a proxectos cun forte compoñente social e humano.
A súa evolución natural levouno á dirección. En 2003 asinou a curtametraxe Sueños, coa que obtivo o Premio Goya á Mellor Curtametraxe de Ficción, a Espiga de Ouro na SEMINCI e o Premio do Público no Festival de Málaga. Este debut marcou o inicio dunha etapa creativa na que volcou a súa propia experiencia vital e a súa ollada cara á realidade da rúa e das marxes urbanas.
En 2015 presentou a súa primeira longametraxe, A cambio de nada, relato de iniciación con claros tintes autobiográficos que o situou de inmediato entre os cineastas máis prometedores da súa xeración. O filme recibiu a Biznaga de Ouro no Festival de Málaga, así como dous Premios Goya (Mellor Director Novel e Mellor Actor Revelación) e seis nomeamentos, ademais de múltiples recoñecementos da crítica e do público. A súa segunda obra, Canallas (2022), afondou na hibridación de realidade e ficción, apostando por unha comedia dramática que consolidou o seu estilo persoal.
Premio AISGE

Charo Pena
Charo Pena naceu no lugar de Rebordelo en Tabeirós, no concello da Estrada. Aos once anos trasladouse coa familia a Compostela, cidade na que residiría dende entón, aínda que sen deixar de volver acotío á súa aldea e á fala da súa xente: referentes de idioma. En Compostela estuda Medicina e licénciase en 1985. Ese mesmo ano, o do nacemento da TVG, e por mor dunha serie de casualidades, xórdelle a posibilidade de traballar como actriz e directora de dobraxe, atopando unha vía nova onde desenvolver a querenza pola interpretación e o cine que sentía dende sempre.
Como directora de dobraxe é a responsable de películas como Amadeus, Heroína, Drácula, de Bram Stoker, O lapis do carpinteiro, A lista de Schindler, Amores perros, O paciente inglés, Os luns ao sol, A lingua das bolboretas, a saga de Harry Potter ou, máis recentemente Brazil, Puñais polas costas ou Ponyo no cantil, entre moitas outras.
Como actriz de dobraxe é a voz habitual de Vivien Leigh, Meryl Streep, Jane Fonda, Glenn Close, Sharon Stone, Juliette Binoche, Susan Sarandon, Catherine Deneuve ou Frances McDormand. Dende hai tempo, compaxina a dirección e actuación en dobraxe con períodos de actividade docente como profesora de dobraxe, dirección e adaptación de textos e tamén como relatora en diferentes foros.
Premio Chano Piñeiro

José Manuel Cancela
José Manuel Cancela é un compositor musical especializado na creación de bandas sonoras. Nado en Hannover (Alemaña) en 1972, fillo de emigrantes galegos orixinarios de Loureda e Oseiro (Arteixo, A Coruña). Aos sete anos, durante unhas vacacións en Galicia, sentiu unha atracción inmediata pola música ao escoitar unha gaita tradicional: “foi como meter os dedos dentro dun enchufe”.
A súa paixón levouno a estudar piano e formarse na Hochschule für Musik de Hannover (Alemaña), e máis tarde no prestixioso Berklee College of Music de Boston. Con tan só 23 anos recibiu unha chamada inesperada que lle cambiou a vida: acudiu a unha proba, no canto dun amigo, para traballar con Pedro Knight, marido de Celia Cruz. A súa interpretación causou tal impresión que, ao día seguinte, xa estaba a voar cara a Colombia. Esta oportunidade marcou o inicio da súa etapa como músico de xira, traballando con estrelas como Celia Cruz, Jennifer López, Marc Anthony, Janet Jackson, U2 ou os Backstreet Boys.
Porén, o 11-S supuxo un punto de inflexión: Cancela evitou o avión que impactou contra a Torre Norte ao quedar durmido, o que lle provocou unha fonda reflexión sobre a súa vida. A partir de aí decidiu establecerse e dedicarse a compoñer para o mundo audiovisual. Comezou cun encargo para un anuncio de Gatorade, e rapidamente deu o salto a Hollywood. Desde entón, compuxo para grandes producións como Creed, Focus, Ray Donovan, The Last Narc, Gordon Ramsay: Uncharted e colaborou con HBO Deportes en series como 24/7 e Hala Madrid, ademais de varios documentais. O seu traballo valeulle cinco premios Emmy, o que o converte actualmente no único en acadar ese fito en España.
Premio Ópera Prima

Avelina Prat García
Arquitecta, directora de cine e supervisora de guións. Antes de entrar na industria cinematográfica, traballou un tempo como arquitecta. A partir de 2004, foi supervisora de guión en máis de 30 longametraxes á beira de directores como Fernando Trueba, Cesc Gai, Manuel Martín Cuenca, Javier Rebollo, David Trueba ou Lucile Hadzihalilovic. Tamén foi programadora no Festival Internacional Cinema Jove de Valencia. Escribiu e dirixiu varios documentais e curtametraxes. O último deles, 3/105 (2014), codirigido con Diego Opazo, foi seleccionado na Mostra de Venecia.
A súa primeira longa, Vasil (2022), unha coprodución hispano-búlgara de Distinto Films e Activist 38, foi galardoada co Premio a Mellor Actor Ex Aequo para Karra Elejalde e Iván Barnev na Semana Internacional de Cine (SEMICIN) de Valladolid e a mellor película nos Premis Berlanga 2022. O guión de Vasil gañou o primeiro premio no Fest Pitching Forum do New Films New Directes Film Festival en Portugal e foi seleccionado para o laboratorio de guións da Fundació SGAE dirixido por Isabel Coixet e en Berlinale Talents Script Station 2018. A película está baseada nunha historia persoal sobre a chegada dun inmigrante a casa do seu pai.
O seu segundo, e por agora derradeiro traballo, Unha quinta portuguesa, estreouse no Festival de Cinema de Málaga. O detonante da película foi unha nova dun xornal que contaba como un home abandonou á súa familia, marchando de España a Venezuela. Despois de 20 anos desaparecido, unha filla das que deixara atrás en España declarouno falecido. Cando el quixo volver, decatouse de que non podía entrar ao país por constar como morto. A película recibiu unha Biznaga de Ouro a Mellor Película no Festival de Málaga 2025 e foi nomeada ao Gran Premio a Mellor Película no festival BAFICI en Bos Aires. Ademais, foi rexistrada para representar a España nos Premios Óscar.




