1996- EDICIÓN I
O 4 de novembro de 1996 Ourense despregaba unha alfombra cinematográfica para a estrea do primeiro Festival de Cinema Independente de Ourense, o certame internacional máis antigo de carácter competitivo feito en Galicia. O seu impulsor, Eloy Lozano (Ourense,1953- Santiago,2009), un dos referentes do cinema galego, destacaba entón: “O festival supón a re-estrea de Ourense no cinema. As xornadas do cinema galego, hai 20 anos, foron o detonante para falar do cine en Galicia”. Estaba máis que xustificado que a cidade fose o xerme para un Festival competitivo (o único en territorio galego naquel momento), internacional e cunha aposta firme polo audiovisual galego.
Naquela primeira edición, Lozano marcaba como obxectivo a continuidade: “Non tería sentido que esta iniciativa morrese no próximo ano”. Tres décadas de historia confirman que a meta inicial, afortunadamente para a cidade e os amantes do cinema, cumpriu as expectativas.
A estrea do OUFF contou coa proxección de máis de cen películas chegadas de 35 países, non estreadas en España, fóra das que formaban parte dos ciclos especiais. Na sección oficial do concurso participaron 19 longametraxes, cinco documentais e 34 curtametraxes.
Un xurado presidido polo director polaco Krzystd Zanussi, homenaxeado ademais xunto á figura do director ourensán Antonio Román, decidiu os sete primeiros galardóns do OUFF. O Gran Premio do Festival foi concedido a Cámping Cosmos de Jan Bucquoy e o Premio especial Mellor Película Europea a Vörös Colibri de Zsuzsa Böszörményi.
Exposicións, encontros, mesas redondas e coloquios completaron aquela primeira edición, fai agora xa 30 anos.
TRINTA ANOS
Ao longo de tres décadas, o Festival Internacional de Ourense, OUFF, non deixou de evolucionar: innovando, incorporando novas seccións, engadindo actividades paralelas e atopando puntos de encontro novos co seu público. Ao mesmo tempo, edición tras edición, fortaleceu os seus obxectivos principais: ser unha xanela excepcional para o cinema de calidade feito en calquera parte do mundo e mellorar e ampliar a firme aposta polo audiovisual galego, o seu selo de identidade. Os resultados e o número de espectadores, en aumento edición tras edición, avalan o traballo feito.
En 1997 naceu a Calpurnia como premio representativo do Festival, unha figura realizada polo escultor ourensán Manuel Buciños. En 2001, o premio á mellor dirección foi bautizado co nome de Carlos Velo, director ourensán de renome internacional, a quen se rende así a súa merecida homenaxe. Historia e futuro sempre foron da man no certame.
O palmarés, nunha traxectoria de 30 anos, foi adaptándose ás filosofías dos distintos equipos artísticos que foron construíndo o Festival nestas décadas e tamén os axustes orzamentarios necesarios nalgunha edición. Longametraxes, curtametraxes, documentais, animación, novos media, competición iberoamericana, óperas primas e Premio Eixo Atlántico foron seccións competitivas ao longo destes anos.
Na actualidade o palmarés céntrase en Longametraxes, Curtametraxes, Fas Muvis e, desde o ano 2023, Panorama Galicia.
Entre os traballos que gañaron a Calpurnia á Mellor Película ao longo da súa historia aparecen títulos como: Tren de sombras de José Luis Guerín, ¿Quién diablos es Juliette? de Carlos Marcovich, Río escondido de Mercedes García Guevara, Disco Pigs de Kirsten Sheridan, The Station Agent de Tom McCarthy, Contra la pared de Fatih Akin, Al otro lado de Gustavo Loza, Weltstadt de Christian Klandt, Siberia Monamour de Slava Ross, Paradis Perdu de Eve Deboise, Techo y comida de Juan Miguel del Castillo, La vendedora de fósforos de Alejo Moguillansky, Baronesa de Julia Antunes ou Parásitos de Bong Joon-Ho. Non hai dúbida sobre o carácter internacional do certame. Ademais títulos como 7.35 de la mañana de Nacho Vigalondo ou 15 días de Rodrigo Cortés lograron o seu premio na sección de curtametraxes.
Na segunda edición do OUFF estreouse a prestixiosa Calpurnia de Honra que recaeu no director José Luis Cuerda e no actor galego Antonio Casal. Foi o primeiro dos premios honoríficos do Festival co fin de homenaxear a figuras destacadas do mundo cinematográfico. Co tempo fóronse sumando o Premio Ourense, Memoria Histórica, Premio Televisión, Calpurnia de Honra Internacional, Premio Irmandade do Libro ao mellor guión adaptado, Premio Eduardo Barreiros á Ópera Prima, Premio Chano Piñeiro ou Premio OUFF Especial.

Entre os galardoados figuran Elías Querejeta, José Sacristán, Arturo Ripstein, a produtora galega Vaca Films, Leonor Silveira, José García, Gonzalo Suárez, Adolfo Domínguez, Xavier Bermúdez, Pablo Trapero, Loles León, Manuel Mur Oti, Luis García Berlanga, Emilio Gutiérrez Caba, Pedro Olea, Enrique Urbizu, Manuel Gutiérrez Aragón, Jaime Chávarri, Luis Tosar, Norberto López Amado, José Coronado, Pilar Miró, Imanol Arias, Lola Dueñas, Enrique Urbizu, Emilio Martínez Lázaro, Wenceslao Fernández Florez, Oliver Laxe, Dani de la Torre, María Casares, Ana Mariscal, Elvira Lindo, Carlos Bardem, Cristina Castaño, Juan Diego, Joaquím de Almeida, Eloy Lozano, Visconti, Blanco Amor, Alauda Ruiz de Azúa, Nicolás Echeverría, Iván Trujillo ou Rodrigo Cortés, entre outros.
Distintas xeracións e diferentes visións sobre o cinema.
A cidade de Ourense recibiu tamén a outros nomes destacados do panorama cinematográfico, nacionais e internacionais, relacionados con distintos ámbitos dende a dirección, produción, distribución ou a interpretación. Todos mostraron o seu apoio ao Festival, destacando a súa importancia como punto de encontro do sector profesional e como excelente escaparate para novos proxectos. 
Alejandro Amenábar, Fernando León de Aranoa, Assumpta Serna, Concha Velasco, Montxo Armendariz, Álex de la Iglesia, Diego Galán, Pilar Bardem, Pepe Sancho, Olivier Péray, Lola Herrera, Alfredo Landa, Isabel Coixet, Javier Bardem, Benito Zambrano, Jorge Perugorría, Alexandre Powelz, Patricia Ferreira, Mariano Llinás ou as presidentas da Academia de Cinema Marisa Paredes e Mercedes Sampietro deixaron a súa pegada na cidade.
PANORAMA GALICIA
A aposta estrela do Festival ourensán sempre foi o audiovisual galego. Protagonista destacado en todas as edicións, no ano 2023 o OUFF afianza o seu compromiso e fortalece a súa aposta polo cinema galego, parte esencial da súa identidade. Nesa 28 edición, converteu a sección Panorama Galicia nunha sección competitiva, sendo o único Festival que ofrece premios con dotación económica á produción galega. Nesa primeira edición, o premio Mellor Película recaeu en O Corno, de Jaione Camborda, quen acudiu á gala de clausura para recoller o galardón.

O obxectivo é dar un impulso maior aos traballos audiovisuais galegos, que sempre foron parte imprescindible do Festival de Ourense. Desta maneira recoñécese a importancia do sector e a súa relevancia no panorama cinematográfico do país.
Desde os seus inicios foi punto de encontro para a industria cinematográfica galega. Na súa primeira edición, o OUFF xa foi o marco elixido para a entrega da primeira edición dos premios da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), creada dous anos antes, aos que optaron 64 traballos audiovisuais. Este evento foi o xerme dos encontros e xornadas profesionais que tiveron lugar posteriormente en colaboración coa Asociación de Intérpretes da Sociedade de Xestión (AISGE), a Asociación de Audiovisuais de Galicia, a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), a Agrupación industrial de Audiovisuais, SGAE ou a Academia Galega Audiovisual, que tiveron e teñen ao Festival como marco de referencia.

Asembleas, debates, mesas redondas, presentación de proxectos, proxección de ficción, documentais, curtos, traballos históricos recuperados, publicacións e homenaxes coa produción galega como máxima protagonista mantiveron viva a aposta do OUFF, recoñecida por todos os profesionais que atoparon aquí un escaparate idóneo para presentar os seus traballos e abordar os temas que máis preocupan ao sector.
OUTRAS ACTIVIDADES
O Festival de Ourense sempre tivo clara a importancia de completar a competición cun programa de actividades e seccións paralelas que ofrecesen aos espectadores a posibilidade de asomarse ao cinema en maiúsculas, a través do maior número de xanelas posibles.

Nesta liña apostou por incluír ciclos que ofereceran aos ourensáns a possibilidade de descubrir outras miradas. Inédito en Ourense, Cinema en feminino, Cinema e Viño, Cinema e Auga, Cinema e Emigración ou Memoria Histórica foron algunhas das seccións que permitiron proxectar nas salas interesantes traballos, uns en primicia e outros recuperados por formar parte xa da historia do cine.
Países como Alemaña, Arxentina, México ou Cuba, co reencontro dos protagonistas da película Fresa y Chocolate 30 anos despois da súa estrea, centraron interesantes ciclos sobre a cinematografía dos diferentes países.
Outra das labores que o Festival levou a cabo foi ofrecer aos seus seguidores a posibilidade de ver películas clásicas melloradas. Pedro Páramo de Carlos Velo, El camino de Ana Mariscal ou Profundo carmesí de Ripstein, que puido proxectarse recuperada e sen cortes, son só uns poucos exemplos.
Ao longo destas tres décadas, non deixou de buscar novas maneiras de achegar o Festival á cidade e de innovar en propostas para cumprir o obxectivo. En 2009, creou o Certame OUFF Escola para traballos realizados por escolares de toda Galicia. Levou as súas proxeccións a distintos puntos da provincia e ao Centro Penal de Pereiro de Aguiar, coa presenza de directores e actores para xerar interesantes coloquios cos internos e organizou encontros abertos ao público con elencos artísticos das películas en competición.
Buscou acordos coa hostalería e o comercio da cidade para marcar máis a súa presenza. Levou a cabo encontros e presentacións en colaboración coa Biblioteca Pública e as librerías da cidade e organizou actuacións musicais, masterclass e talleres a cargo de nomes como Charlotte Appleger, Assumpta Serna, Jaime Chávarri ou Xavier Bermúdez.
Outra exitosa iniciativa é Viaxes de cinema para mostrar os distintos escenarios ourensáns onde foron rodadas películas como A Lingua das Bolboretas, Cotolay, El bosque del lobo, Sempre Xonxa, Cuñados, Santoalla, A Esmorga, Monsignor Quixote ou A lei da fronteira, entre outras.

As exposicións sobre e de cinema tiveron sempre o seu espazo destacado nas tres décadas de vida do OUFF. En 1996 inaugurou este apartado o fotógrafo ourensán Manuel Outumuro, quen regresou ao Festival na súa 29 edición. Fotografías, elementos cinematográficos, instalacións, carteis ou memoria histórica. Todo tivo cabida no certame para arroupar as proxeccións do Festival e descubrir outras miradas sobre a grande industria cinematográfica.
PUBLICACIÓNS
Entre as apostas máis destacadas do Festival nestes trinta anos atópase a publicación de monografías, libros, catálogos ou traballos de investigación vinculados ao panorama cinematográfico e aos nomes que forman parte da súa historia. Algunhas foron editadas de maneira directa polo propio festival e noutras participou na súa coedición. Na lista de publicacións atópanse as dedicadas a Antonio Román, Antonio Casal, Wenceslao Fernández Flórez, Nieves Conde, Torrente Ballester, Jaime Chávarri, María Casares, Juan Antonio Bardem, Manuel Mur Oti, Gonzalo Torrente Ballester, Berlanga, Juan Diego, Eloy Lozano ou Camilo José Cela, entre outros.




