
- A iniciativa, organizada por AGAPI co patrocinio da Deputación de Ourense, busca dar visibilidade ás produtoras executivas galegas
- A primeira parada foi o 10 de xuño no IES Xermán Ancoechea de Trives
O OUFF · Ourense Film Festival participa no roteiro “Elas, produtoras executivas” que, organizado por AGAPI co patrocinio da Deputación de Ourense, percorrerá os centros de ensino secundaria da provincia para aumentar o interese no feminismo entre o alumnado e dar visibilidade ás produtoras executivas galegas. Para Candela López, responsable da Área de Contorna Segura do festival, esta actividade “é un punto de inflexión fundamental na visibilización do empoderamento feminino e no recoñecemento do traballo, o talento e a creatividade das mulleres produtoras de cine. Grazas a iniciativas como esta, ábrense camiños para que reciban a atención e o valor que merecen dentro da industria audiovisual”.
Cada parada deste roteiro constará da proxección do documental Elas, produtoras executivas, unha peza na que se pon en valor o traballo das produtoras executivas contado en primeira persoa por elas mesmas, cun alto valor simbólico ao poder ser un referente para espertar vocacións entre a mocidade. E, ao remate, terá lugar un espazo de debate feminista, moderado pola xornalista Mónica V. Lopo, con algunhas das protagonistas do documental, no que falarán sobre as súas experiencias, a súa traxectoria e así como dos seus plans de futuro.
O roteiro pola provincia de Ourense comezou o 10 de xuño no IES Xermán Ancoechea de Trives, e as convidadas para este primeiro debate foron Candela López como representante do OUFF e a produtora Rosa Taboada. A actividade continuará o 18 de xuño, no IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova con Alba Prol.

O roteiro retomarase en setembro para continuar por máis centros da provincia.
O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025 coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada e cunha directiva renovada. Entre as novidades coñecidas polo momento para esta 30 edición, destaca a posta en marcha dun protocolo para garantir unha contorna segura, inclusiva e respectuosa durante o festival.







