4 de Novembro de 2026
Sorteo Terra do Anel
  • 6.946 persoas visitaron a mostra

  • As entradas cos números premiados darán dereito a unha estadía nun complexo hoteleiro e a dous debuxos exclusivos

A exposición Terra do Anel. Unha viaxe entre Reinos, que puido visitarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel dentro da programación especial do OUFF dedicada ao universo de El señor de los anillos, despediuse de Ourense o domingo 1 de novembro cunha sorpresa. A organización realizou un sorteo con todas as entradas, que estaban numeradas e que finalmente foron 6.946, do que saíron cinco números premiados. As persoas que gardasen a súa entrada e teñan algún destes números poden recibir premio:

  • O primeiro premio, consistente nunha estadía dunha noite para dúas persoas no complexo Mi Tesoro, a coñecida Aldea Hobbit de Galicia situada en Viveiro, correspondeulle ao número 574.
  • Pola súa banda, os números 1923 e 2929 resultaron agraciados co segundo e terceiro premio, respectivamente, e as súas persoas posuidoras recibirán dous debuxos exclusivos realizados polo artista Simon Mv.
  • Ademais, sorteáronse dous números de reserva, 1225 e 4381, para o caso de que algunha das persoas premiadas non reclame o seu galardón dentro do prazo establecido.

As persoas gañadoras deberán enviar unha mensaxe privada a calquera dos perfís do festival nas redes sociais ou un correo electrónico a comunicacion@ouffestival.gal, achegando unha fotografía da súa entrada. O prazo para reclamar os premios rematará o venres 6 de novembro ás 12.00 horas.

Terra do Anel. Unha viaxe entre Reinos foi unha das actividades paralelas máis destacadas da 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival. A mostra, integrada por unha selección de pezas procedentes de coleccións privadas e dalgúns dos fabricantes máis prestixiosos e recoñecidos do mundo do coleccionismo fantástico, rende homenaxe á triloxía cinematográfica de El señor de los anillos, coincidindo co 25º aniversario da súa estrea nos cines.