26 de Setembro de 2026
OUFF Libro Edgar Neville
  • O volume analiza a traxectoria e as películas do director.

  • A obra está dirixida por José Luis Castro de Paz e Casimiro Torreiro Gómez.

A obra e o legado do cineasta español Edgar Neville volveron ser reivindicados no OUFF · Ourense Film Festival. Despois do ciclo de películas proxectado na Universidade de Vigo durante a primavera, este sábado presentouse no espazo Ceres 1984 o libro O cine de Edgar Neville. Casticismo e modernidade, dirixido polo profesor José Luis Castro de Paz e que analiza a traxectoria do lendario director.

Segundo explicou durante a presentación, Edgar Neville é «moi descoñecido por ter feito cine na posguerra, sobre todo, e por esa vinculación superficial e demasiado rápida co réxime franquista, cando realmente se trata dun director sen o cal non se entendería o cine español, nin Berlanga, nin Fernán Gómez».

Pola súa banda, Estíbaliz Santamaría Cadaval, musicóloga que colabora no libro, destacou a importancia da música na obra de Neville. «El rodéase de compositores recoñecidos; era amigo de Falla, por exemplo. Escribe tamén sobre música, visita moito o sur, é un apaixonado do flamenco e, sobre todo, moi madrileño, atento aos xéneros que se desenvolvían na cidade».

Tanto Castro de Paz como Santamaría insistiron no interese que Edgar Neville sempre manifestou pola cultura popular, especialmente a madrileña. O libro, editado polo OUFF · Ourense Film Festival, estará dispoñible para a súa venda nos próximos meses.

Quen foi Edgar Neville

Nado o 28 de decembro de 1899, Edgar Neville, Conde de Berlanga de Duero, é unha das personalidades máis singulares do panorama artístico español da primeira metade do século XX é, sen dúbida, un dos cineastas máis orixinais e persoais da historia do cine español. Dirixiu, entre outras, A torre dos sete corcovados (1944), Domingo de carnaval (1945) e O crime da rúa Bordadores (1946).

A 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 25 de setembro ao 4 de outubro, organizada pola Asociación Luarada co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e o patrocinio de Cervezas 1906, ABANCA, Gadis, Fundación AISGE, Grupo TAR, Televisión de Galicia e La Región.