
- Entre os traballos que se proxectarán destaca “Tren de sombras”, de José Luis Guerín, a primeira película galardoada co premio Calpurnia
- Alberto González Araujo regresa como programador ao festival
O OUFF · Ourense Film Festival renderá homenaxe aos traballos premiados coa Calpurnia á mellor película ao longo dos seus 30 anos de historia co ciclo Xeración OUFF. Desta forma, regresarán a Ourense títulos como:
- Tren de sombras, de José Luis Guerín, a primeira longametraxe en recibir o premio Calpurnia á mellor película, en 1997;
- Vidas cruzadas (The Station Agent), o primeiro traballo do laureado director Tom McCarthy, que foi premiada en Ourense en 2003;
- e Mug, de Małgorzata Szumowska, o primeiro filme de orixe polaca en facerse coa Calpurnia, en 2018.
O ciclo Xeración OUFF, cuxa programación completa desvelarase máis adiante, chega para conmemorar o trixésimo aniversario do Ourense Film Festival. E, en palabras do seu programador, Alberto González Araujo, “para reivindicar grandes títulos, que en moitos casos iniciaron o seu percorrido aquí, e para celebrar unhas Calpurnias inesquecibles. Haberá quen queira volver a títulos que lles marcaron e quen descubra por primeira vez estas obras de Guerín, McCarthy ou Szumowska, que son xa parte da nosa propia identidade como festival”.
O programador Alberto González Araujo regresa ao OUFF
O ourensán Alberto González Araujo volve ao Ourense Film Festival como programador, función na que está a traballar con César Silva como asesor. Para Araujo este é o seu quinto OUFF, despois de colaborar nas edicións de 2015, 2018, 2019 e 2020. Da súa selección xurdiron, por exemplo, títulos como “The Bra”, “Parásitos”, “Cachada”, “Verano del 85” ou a mencionada “Mug”, que se proxectará de novo na 30 edición do festival.
O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025 coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada. Entre outras novidades, presenta unha directiva renovada, contará cun protocolo de contorna segura e acollerá unha residencia audiovisual para novos cineastas, Faíscas.







