
- O músico, de orixe galega e afincado en Los Ángeles, gañou cinco Emmys polo seu traballo en cinema e televisión
- O tema completo escoitarase en directo por primeira vez o domingo 28 de setembro, interpretado pola Xove Orquestra Ourensanía
O OUFF · Ourense Film Festival contará co seu propio tema musical, unha peza que a organización do certame lle encargou ao prestixioso músico Jose Manuel Cancela, gañador de 5 Emmys polo seu traballo en cinema e televisión en Estados Unidos. Para Cancela, “un cargo tan importante é sempre un honor para calquera músico, pero para min, compoñer para Galicia, para a miña terra, para a miña xente, é algo moi especial, unha responsabilidade que asumín con moito orgullo e coa emoción de quen regresa ás súas raíces a través da música”.
Un fragmento do tema musical poderá escoitarse durante a gala de inauguración do OUFF, o vindeiro venres 26 de setembro, pero será o domingo, día 28, cando a Xove Orquestra Ourensanía, baixo a batuta do propio José Manuel Cancela, a interprete de forma completa, nun acto no Auditorio Municipal de Ourense.
Ademais, o músico e DJ ourensán John Axiom realizará unha versión remix do tema.
Jose Manuel Cancela é fillo de emigrantes galegos e reside en Los Ángeles. Entre os seus traballos destacan composicións para especiais de televisión, as series Entourage ou Hannah Montana e películas como Creed, Ray Donovan ou Focus. Ademais, no seu palmarés conta con 5 Emmys, os premios que entrega a Academia de Artes e Ciencias da Televisión de Estados Unidos.
Agora, Cancela chega ao OUFF para dotar ao festival dun tema musical propio, e faino precisamente nunha edición moi especial, a número 30, que se celebrará do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025, coorganizada pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada.







