8 de Xullo de 2025
Presentación cartel OUFF
  • A peza gráfica, obra do ilustrador ourensán Miguel Robledo, ten a Calpurnia e a cidade de Ourense coa súas pontes ou o río, entre outros, como principais elementos 
  • Luis Menor destacou que “recolle a esencia de moitos lugares icónicos da capital, berce dunha cita cinematográfica que este ano, máis ca nunca, aspira a ser o verdadeiro festival de cinema de Galicia”

O OUFF · Ourense Film Festival xa ten o cartel para o seu 30 aniversario. Esta mañá desvelouse en rolda de prensa, celebrada no Centro Cultural Marcos Valcárcel, a que será a imaxe da nova edición do festival, obra do ilustrador ourensán Miguel Robledo. Asistiron a esta presentación o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o director artístico do festival, Óscar Doviso; o director técnico, Marcos Vázquez; o asesor de programación César Silva, e o propio autor.

Tras ensinar aos medios alí presentes o cartel, o autor, Miguel Robledo, amosouse “moi, moi agradecido pola confianza. Estou encantado de participar nesta 30 edición”. Sobre o seu deseño especificou que “os pros de contar cun local fan que se poida usar cousas de aquí. Tirei un pouco do tópico da Calpurnia, a primeira habitante rexistrada da cidade, coa súa estética romana, e que tamén é o premio principal do festival. Cun aire surrealista, mesturei a esta Calpurnia, cun proxector, conseguindo esa luz que sae do ollo e que nos serve de guía”. 

A isto hai que sumarlle detalles que fan únicos a este cartel e que o relacionan coa cidade como as pontes, o río, a catedral, ou a máquina do tren.  “Engandinlle tamén unha tira que parecen fotogramas, pero que son realmente os soportais da Praza Maior” confirmou Robledo, certificando que o deste ano é un cartel máis ourensán ca nunca. 

Un cartel en movemento, gran novidade desta edición

A continuación tomou a palabra o director artístico do festival, Óscar Doviso, quen alabou a incrible luz e todo o traballo do autor para logo presentar unha novidade da edición deste ano: a animación do cartel. “Grazas a este movemento conseguimos ver como a través do ollar de Calpurnia se proxecta todo. É un traballo súper potente e que se nota moi traballado e co que estamos moi contentos dende a organización” confirmou. 

A animación parte do debuxo de Miguel Robledo e conta coa animación feita por Soraya Picouto, a sonorización de Sebastián Mato, que inclúe elementos como o son dun afiador, do tren, ou o río en movemento, e o novo logo do OUFF, deseñado por Miguelanxo Carvalho.

“O festival ten unha clara liña editorial e a Calpurnia ten que transmitila. Temos que ver o cine, a través dos ollos desta muller, o que nos fará mellores espectadores e mellores persoas. Xusto é ese un dos alicientes do cine, que nos permite poñernos na pel do outro”.

Luis Menor destaca a esencia de Ourense nesta peza gráfica

O presidente da Deputación, Luis Menor, expresou a súa felicitación a Miguel Robledo polo seu excelente traballo á hora de crear o cartel desta significada edición do festival. Unha creación, dixo, “que recolle a esencia de moitos lugares icónicos da capital, berce dunha cita cinematográfica que este ano, máis ca nunca, aspira a ser o verdadeiro festival de cinema de Galicia. Queremos transmitir que Ourense é cine e levalo por toda a provincia”.

Luis Menor puxo en valor que a cita de hoxe “é o primeiro acto público do novo equipo do certame”, con Óscar Doviso á fronte dun amplo equipo de persoas, a quen trasladou a súa máis sincera gratitude por asumir o reto de iniciar unha nova etapa do Ourense Film Festival, nun aniversario tan importante como esta trinta edición.

“Ides ser os encargados de demostrar que na Deputación de Ourense seguimos absolutamente implicados no futuro do festival, co audiovisual ourensán, galego, e, sobre todo, coa promoción da cultura, que tanto botamos en falta na propia cidade”, concluíu o presidente provincial.

 

O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025, coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada.