
Recibimos con gran pesar o pasamento de Enrique Nicanor, director do OUFF entre 2007 e 2010.
Con 80 anos, deixa atrás unha traxectoria exemplar no mundo do cinema e a TV, chegando a dirixir a cadea TVE-2. Comezou a súa traxectoria no mundo audiovisual entre España, Francia e os Estados Unidos, producindo e dirixindo programas para TVE, Arte e Discovery Chanel.
Algunhas das súas animacións máis importantes son as vinculadas co programa Barrio Sésamo, para o que creou personaxes como A Caponata e Perezgil, os muppets españois de Barrio Sésamo no que foi unha adaptación do formato Sesame Street. Tamén impulsou a primeira serie de animación realizada en España Las aventuras de Mumú.
Outras das súas producións foron Las reglas del juego, Con las manos en la masa, Federico García Lorca, retrato de familia, Marte en la tierra, Misterios de Yucatán e dirixiu unha entrega de Crónicas el mal. Recibiu o premio Ondas en 1983 e a medalla de ouro da Academia do Audiovisual en 2005.
Enviamos todo o noso cariño á súa familia e amizades.







