24 de Xullo de 2025
  • Baixo o lema “Existir é resistir”, AMAL en Ruta traerá a Ourense historias de resistencia do pobo palestino e doutros grupos en zonas de conflito

  • Proxectaranse catro longametraxes e un documental, a maioría en sesión matutina, o que supón unha importante novidade no festival

Un ano máis, a mostra de cinema itinerante AMAL en Ruta chegará ata o OUFF · Ourense Film Festival para aproximar aos espectadores do certame ás distintas realidades da sociedade árabe, en especial, daqueles grupos que se atopan en zonas de conflito, como o pobo palestino. A situación actual que vive Gaza é, de feito, protagonista do ciclo que este ano se presenta baixo o lema “Existir é resistir”. 

En total, serán cinco os títulos que pasen polo OUFF, catro longametraxes e un documental, todo eles representativos do mellor cinema euroárabe actual. The Old Oak, do recoñecido director Ken Loach, inaugurará o ciclo no Teatro Principal, mentres que as demais películas poderán verse no Cineclube Padre Feijoo en sesións matutinas, como unha nova aposta do OUFF por levar as proxeccións a outras franxas horarias.

Os filmes do ciclo

The Old Oak (Reino Unido, 2023) é o último longametraxe do prestixioso director Ken Loach e narra o futuro de The Old Oak, o único pub que resiste nunha vila británica, onde habita un grupo de refuxiados sirios.

The teacher (Palestina, 2023), da directora Farah Nabulsi, é unha película sobre un profesor que se enfronta á devastadora realidade do conflito en Gaza mentres trata de inspirar aos seus estudantes a través da educación.

Inshallah Walad (Xordania, Francia, Exipto, 2023), narra a historia de Nawal, nai e ama de casa, que finxe estar embarazada cando morre o seu marido para non perder as súas pertenzas por non ter fillo. O filme foi a primeira película xordana seleccionada para o Festival de Cine de Cannes, dentro da Semana da Crítica.

Bye Bye Tiberias (Palestina, Bélxica, Qatar, Francia, 2023), é un documental da directora Lina Soualem sobre unha actriz que vive en Francia e regresa a súa aldea palestina. O filme foi elixido para representar a Palestina nos Óscar de 2024.

To a land unknown (Grecia, Reino Unido, Palestina, 2024), de Mahdi Fleifel, segue á dous curmáns nos suburbios de Atenas que buscan aforrar diñeiro para pagar os pasaportes falsos e mudarse a Alemaña.

AMAL en Ruta é una mostra de cinema itinerante organizada pola Fundación Araguaney-Puente de Culturas e que poderá verse no marco da edición número 30 do OUFF · Ourense Film Festival. O certame celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro, coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada.