
- O proxecto ten como obxectivo poñer en valor determinadas paisaxes naturais da provincia e contrastar o que se mostra nas rodaxes coa realidade
- Tres rutas que permitirán coñecer os lugares de gravación máis destacados da provincia nos últimos tempos
O OUFF · Ourense Film Festival, en colaboración coa Deputación de Ourense, achegará a tódalas persoas interesadas os principais escenarios de cine que serviron de rodaxe na provincia de Ourense. Haberá tres roteiros que percorrerán as localizacións máis emblemáticas utilizadas no cine e na televisión nos últimos anos na provincia: Ourense – Pazos – Moldes, o 29 de setembro, Esgos – Allariz – Celanova, o 1 de outubro, e San Clodio – Ribadavia – Melón, o 3 de outubro.
O Ourense Film Festival leva organizando rutas dende o ano 2019, con Beatriz Rodríguez Álvarez e Olalla Lorenzo Sueiro ao fronte, percórrense os espazos de rodaxe utilizados por numerosas produtoras nos últimos anos porque, tal e como sinala Olalla Lorenzo «a provincia de Ourense ten multitude de paisaxes, pobos con encanto e monumentos históricos que a converteron nun escenario natural para numerosas películas e series nos últimos anos». Estas excursións, organizadas para promover a participación da xente e de carácter dinámico, divertido e lúdico, «perseguen explicar as diferenzas que poden resultar entre as rodaxes e a realidade, resaltando tamén a importancia de determinadas imaxes naturais», explica Lorenzo Sueiro.

O encontro será ás 09:30h, na exposición do OUFF que haberá no Centro Cultural do Marcos Valcárcel, e a saída da ruta realizarase ás 10:00 h dende a Alameda. Percoranse os principais rincóns de cine que serviron como set para un gran número de películas que se rodaron na provincia ao longo do tempo, cunha parada para xantar e regresar a Ourense arredor das 17:00 horas.
Luns, 29 de setembro: visitaranse os escenarios de películas rodadas en Ourense, como Los girasoles ciegos, Amigos hasta la muerte, A Esmorga, 13 exorcismos, Cuñados, + Cuñados, O home e o can, Hospital Central, Pelerinaxes e Años después, con posterior parada para o xantar. A visita continuará en Pazos de Arenteiro, onde poderemos coñecer os principais escenarios de Elisa y Marcela, e en Moldes, onde se visitarán o sitios percorridos en A Esmorga e Elisa y Marcela.
Mércores, 1 de outubro: o mosteiro de San Pedro de Rocas, no concello de Esgos, acolle a visita do escenario de Live is life, continuando posteriormente a viaxe en Allariz, onde se coñecerán, antes dun pequeno descanso para o xantar, os lugares que acolleron as gravacións de A lingua das bolboretas, Cuñados e La virgen de cristal. A xornada finalizará en Celanova percorrendo os sitios polos que pasearon Elisa y Marcela ou que apareceron en Años después, El desorden que dejas ou El bosque del lobo.
Venres, 3 de outubro: o día comezará no mosteiro de San Clodio e a ponte medieval de San Clodio, en Leiro, visitando os espazos nos que se rodaron filmes como Los girasoles ciegos e Cuñados. A ruta continuará no Museo do Viño de Galicia, en Santo André de Camporredondo, onde se realizará unha visita ó espazo de rodaxe do corto Fillas do Ribeiro e ós viñedos da zona. En Ribadavia farase un descanso para xantar, retomando posteriormente o roteiro na vila para coñecer os escenarios de A Esmorga, no barrio xudeu, de Cotolay, na Taberna da Papuxa, El desorden que dejas, na igrexa de San Antón, e Olvido y León, no paseo do río Avia. A última parada terá lugar en Melón, visitando o mosteiro de Santa María, onde se gravaron escenas de Cotolay, e en Meón Las brujas de E ́ lente.
A provincia de Ourense conta con moitos motivos para “ser explorada e namorarse” sendo “Roteiros de Cine” un máis de esa longa lista, consolidando, ao amparo do OUFF, un paquete moi atractivo para que a provincia poida ser visitada polos aficionados da sétima arte. Deste xeito, contarán coa posibilidade de saciar a súa cusiosidade sobre os lugares que contemplaron na pantalla grande e onde, no seu momento, foron recreadas algunhas historias que forman parte do cine rodado en Ourense.
Para inscribirse en calquera destas rutas pode enviarse un correo electrónico a roteirosdecine@gmail.com ou nos teléfonos 690-813726 / 988-215465.
O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025, coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada.







