
Estreas mundiais e filmes premiados en Cannes, Berlín ou Sundance competirán na Sección Oficial do OUFF 2025
Países inéditos como Nepal e a Cidade do Vaticano participan por primeira vez no festival
O OUFF · O Ourense Film Festival pechou o prazo de preinscrición o pasado 30 de xullo, cun total de 1.432 obras recibidas, entre longametraxes e curtametraxes. As propostas foron enviadas a través das distintas plataformas habilitadas para o proceso, así como por correo electrónico. As curtametraxes e longametraxes que superen esta primeira fase de selección pasarán a formar parte da Sección Oficial Internacional e Sección Oficial Panorama Galicia.
En total recibíronse 479 longametraxes e 953 curtametraxes procedentes de 89 países, en produción ou coprodución, sendo os que máis traballos enviaron España, Argentina, Brasil, México, Francia, Chile, Alemania e os Estados Unidos. Como curiosidade, cabe destacar que tamén se inscribiron obras de países que xeralmente contan cunha baixa produción cinematográfica como Xordania, República Dominicana, Cabo Verde, Palestina, Qatar, Nicaragua, Bolivia, Estonia, Honduras, Mozambique, Taiwán, Malasia, Singapur, Cabo Verde, Vietnam, Líbano, Filipinas e Armenia, entre outros, e de países que anteriormente nunca participaran, de ningún xeito, no festival como a Cidade do Vaticano e Nepal.
Entre as obras recibidas pódese sinalar a presenza de estreas a nivel mundial, europea, en España e outras que xa foron proxectadas anteriormente e premiadas nos máis prestixiosos festivais, como Sundance, Rotterdam, Berlín, Cannes, Locarno, Málaga, Guadalajara, Pekín ou BAFICI.
Así pois, na 30ª edición do OUFF, os participantes remitiron principalmente traballos enmarcados nos xéneros de drama, comedia, non ficción (documental) e thriller, centrados en cuestións como a inmigración, os dereitos humanos, a adolescencia, a problemática LGTBI, a maternidade, as relacións afectivas, a estrutura familiar, a guerra civil, os abusos e os conflitos de índole internacional.
O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025, coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada.







