
- Ariel de Lois Patiño ou Mi Ilustrísimo Amigo de Paula Cons son dúas das películas seleccionadas para a sección
- A ourensá Zeltia Outeiriño traerá o seu filme Filmei paxaros voando a Ourense fóra de competición
A Sección Oficial Panorama Galicia, unha das máis esperadas polo público do OUFF, volve reafirmar nesta 30 edición a súa relevancia dentro do panorama audiovisual galego cunha coidada escolla que reunirá a dez longametraxes en competición, unha máis que na edición anterior.
Entre as obras que estarán en Ourense destaca Mi Ilustrísimo Amigo, de Paula Cons, que terá a súa estrea en Galicia dentro do marco do festival, e que acaba de ser premiada como mellor película no Berlin Women Cinema Festival. Tamén cabe salientar a presenza de Ariel, a última obra do recoñecido cineasta galego Lois Patiño, seleccionada no prestixioso Festival de Róterdam.
A sección contará coa participación de varios directores ourensáns que achegan as súas visións singulares do cinema contemporáneo, como Iván Castiñeiras, que presentará Deuses de Pedra, película galardoada en certames como Documenta Madrid, Play-Doc e IndieLisboa, e seleccionada en Róterdam e Tesalónica; e Paula Veleiro, que competirá con Te separas mucho, recoñecida co Premio AMAE á Mellor Montaxe dun filme español no Festival de Cine de Gijón.
Ademais, fóra de concurso proxectarase Filmei paxaros voando, longametraxe da directora ourensá Zeltia Outeiriño, Premio Mestre Mateo ao Mellor Documental na pasada edición, que suma sensibilidade poética e mirada íntima a esta sección.
Completarán a selección outros títulos que poñen en valor o talento e a diversidade da creación galega actual, configurando unha mostra sólida e representativa da escena cinematográfica local. A Sección Oficial Panorama Galicia consolídase así como espazo fundamental para o descubrimento e a celebración do cinema galego e das historias contadas desde aquí.







