12 de Agosto de 2025
Sección Colleita OUFF
  • Lucía Álvarez, Norberto López Amado, Miguel Ángel C. Buttini e Patxi Bisquert presentarán as súas novas obras no certame
  • A sección é unha das novidades na programación desta edición

Na súa esencia de reinventarse, o OUFF – Ourense Film Festival presenta este ano Colleita, unha sección renovada que recolle os froitos cinematográficos de cineastas que mantiveron unha relación especial co certame. Baixo este novo nome, Colleita convértese nun ciclo de catro películas que aínda non foron estreadas en Ourense, e que representan o talento e a diversidade de miradas de autores e autoras vinculados ao festival.

Amores Brujos, de Lucía Álvarez. A directora ourensá ten unha traxectoria estreitamente ligada ao festival: participou na Sección Oficial Panorama Galicia con La espada de Mouruás, presentou unha das galas do certame e estreou varias das súas curtametraxes en edicións anteriores. A súa nova longametraxe, Amores Bruxos, súmase a Colleita como unha mostra da súa evolución creativa e o seu arraigamento co territorio.

El cuento del lobo, de Norberto López Amado. Tamén nacido en Ourense, o seu vínculo co certame inclúe a participación na Sección Oficial Internacional con La decisión de Julia, que lle valeu o premio á mellor actriz para Marta Belaustegui, e o seu labor como xurado internacional, así como o Premio Ourense recibido en 2019. A súa nova obra promete unha mirada intensa e persoal que enriquece esta colleita cinematográfica.

Mr. Nadie, de Miguel Ángel C. Buttini. O director Miguel Ángel C. Buttini volve a Ourense tras presentar o documental Emilia, centrado na figura de Emilia Pardo Bazán, dentro da Sección Oficial Panorama Galicia. Nesta ocasión, Mr. Nadie se incorpora a Colleita como unha proposta que reafirma o seu interese polos personaxes complexos e as historias con profundidade social.

La sombra del Ombú, de Patxi Bisquert. Recoñecido polo seu papel en Tasio, Patxi Bisquert debuta como director con este filme, que se estreará por primeira vez en Galicia dentro do marco do festival. O cineasta viviu varios anos en Ourense, tanto na capital como na Ribeira Sacra, e colaborou co certame en diversas facetas. A súa primeira longametraxe como realizador é unha aposta valente que completa esta edición de Colleita.

O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025 coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada.