
- O 27 de setembro ás 12:00 h, proxectarase a película de animación La luz de Aisha no Auditorio Municipal de Ourense
- As entradas repartiranse xunto coas compras realizadas nos establecementos vencellados ó CCA Ourense Centro
O vindeiro 27 de setembro, ás 12:00 horas, o Auditorio Municipal de Ourense acollerá a proxección da película de animación La luz de Aisha, destinada ao público infantil e familiar. Esta sesión forma parte do ciclo de Cine Familiar organizado polo Ourense Film Festival (OUFF) e o Centro Comercial Aberto Ourense Centro dentro da súa 30ª edición.
Luis Rivera, presidente do CCA Ourense Centro, sinala que a «iniciativa persegue dous obxectivos principais: por unha banda, achegar o cine ós máis pequenos, ofrecéndolles a experiencia de asistir a unha proxección nunha sala, fóra do consumo habitual a través de móbiles e tablets; e por outra, reforzar a fidelización dos clientes do Centro Comercial Aberto». Ademais, destaca o interese da proposta lembrando que «os nenos e nenas de hoxe serán o público cinéfilo do mañá, por iso é importante cultivar o seu interese dende agora».
La luz de Aisha, dirixida por Shadi Adib, é unha película de animación que destaca pola súa estética e pola historia de aventuras que narra, na que se resaltan valores como a confianza, a tolerancia, a esperanza e a amizade.
Este ano, asistir ao evento será máis doado ca nunca. Con cada compra realizada en calquera dos 140 comercios que forman parte do Centro Comercial Aberto Ourense Centro, os clientes poderán obter unha entrada dobre —para unha persoa adulta e un/unha menor de 12 anos— solicitándoa directamente no establecemento.
O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025 coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada.







