
- A mostra inaugurarase o 18 de setembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel
- Vestiario, guións ou armas orixinais empregadas nas películas forman parte do material que se poderá ver
A exposición “Making Movies: Un viaje detrás de las cámaras” será unha das protagonistas do 30 aniversario do OUFF · Ourense Film Festival. Esta mostra, que se inaugurará o vindeiro 18 de setembro, poderá visitarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
Making Movies, que xa percorreu diversos puntos da xeografía española, ten como obxectivo principal amosar aos fans do cinema todo o traballo que hai detrás das cámaras das grandes superproducións. Na exposición danse a coñecer as diferentes disciplinas que forman parte do proceso creativo da sétima arte, así como os nomes das persoas que formaron parte dos equipos nestes distintos departamentos. Haberá máis de 100 lotes para visitar, cada un deles acompañado da súa explicación de que é, onde apareceu e o seu uso.
Para Óscar Doviso, director do OUFF, traer esta exposición á cidade supón “unha oportunidade para visitar o festival en familia, un achegamento á maxia de grandes filmes que xa forman parte da cultura popular, na que non se sabe quen a desfrutará máis, se a cativada ou os seus proxenitores”.
Como non podía ser doutro xeito, conta con materiais e pezas orixinais que se empregaron en películas tan míticas para todo o público, como son as triloxías de Star Wars e Indiana Jones, así como en Alien, El Octavo Pasajero. As ourensás e os ourensáns poderán ver en primeira persoa dende debuxos conceptuais, atrezzo e guións ata vestiario, claquetas ou armas que formaron parte destas películas recoñecidas por todos.
“Making Movies: Un viaje detrás de las cámaras” será unha das primeiras actividades paralelas que se realicen dentro da programación da 30 edición do OUFF. Poderá visitarse dende o día 18 ata o 2 de novembro, no horario habitual do Centro Cultural Marcos Valcárcel. A entrada será de balde para todo o público e tamén haberá un horario de visitas guiadas da man de Alba Polo e a súa troupe de Júpiter Juegos.
O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025 coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada.







