
- Buciños é o encargado de darlle unha nova imaxe ó trofeo, que xa deseñara en 1997
- A nova Calpurnia está inspirada na cabeza dunha actriz e decorada con motivos cinematográficos
O galardón máis emblemático do OUFF · Ourense Film Festival vai presentar un deseño renovado para esta 30 edición. Este trofeo, símbolo do festival desde 1997, foi redeseñado polo seu creador orixinal, o escultor galego Manuel Buciños, nunha reinterpretación que honra a historia do festival.
O artista indicou que «para min xa foi unha ilusión moi grande facer a primeira, porque está pensada nunha cousa ourensá, moi típica, o que é a Calpurnia, unha figura enteira que leva o nome de Ourense. Nesta segunda cambiouse completamente o sentido, inspireime nas actrices coñecidísimas que sempre vin cando era novo, e que sigo vendo, no cine. Pensei nunha cabeza de muller, bonita, sen perder o concepto de actriz, utilizando elementos que fan referencia ó cine».
A nova Calpurnia será presentada oficialmente nas próximas semanas para celebrar tres décadas de cine en Ourense e reafirmar o vínculo entre o festival e a identidade cultural da cidade. E é que o trofeo recibe o seu nome da que está considerada como a primeira habitante documentada da cidade de Ourense na época romana.
Ó longo da historia do OUFF, a Calpurnia de Honra foi entregado a figuras destacadas do cinema nacional e internacional. Desde a súa creación, o trofeo foi concedido a personalidades como Rodrigo Cortés, Gonzalo Suárez, Loles León, Jaime Chávarri, Arturo Ripstein, ou a productora Vaca Films, entre outros. Ademais, os galardóns de cada ano á mellor película en competición, tamén reciben esta estatua.
Buciños, onte e hoxe co OUFF
O escultor Manuel García de Buciños, nado en 1938 en Buciños (Carballedo, Lugo), é unha figura clave da arte galega contemporánea. Formado na Escola de Belas Artes de San Fernando, desenvolveu gran parte da súa obra en Ourense, onde formou parte do grupo artístico “Os Artistiñas” auspiciado por Vicente Risco. O seu estilo combina formas rotundas e suaves, cunha expresividade que marcou a paisaxe escultórica galega.
O OUFF · Ourense Film Festival terá lugar do 26 de setembro ó 5 de outubro de 2025 coorganizado pola Diputación de Ourense e a Asociación Luarada.







