2 de Setembro de 2025
  • A cita terá lugar o 28,29 e 30 de setembro no Balneario de Laias
  • O encontro busca fortalecer a colaboración entre federacións de produtoras e trazar unha estratexia común para afrontar os retos actuais do sector audiovisual en España

Despois dos éxitos colleitados en anteriores edicións, AGAPI, en colaboración co OUFF, organiza o III Encontro Estatal da Plataforma Audiovisual de Productoras (PAP) os días 28, 29 e 30 de setembro no Balneario de Laias.

Segundo Felipe Lage Coro, presidente de AGAPI, este encontro «é un espazo esencial para a reflexión, o diálogo e o traballo conxunto entre as principais federacións e asociacións de produtoras audiovisuais de todo o estado, que representan o 90% da produción independente española. É unha oportunidade única para que o sector se cohesione e avance en propostas comúns ante os retos que temos por diante».

Deste xeito, aproveitando o marco do festival, Ourense volverá a ser punto de encontro das federacións e asociacións que forman parte desta plataforma. Durante tres días reuniranse para tratar a situación actual do sector audiovisual en España, a relación coas plataformas, os contratos e os dereitos de propiedade intelectual ou do marco lexislativo entre outras cuestións.

O principal obxectivo do encontro é conseguir unha mellora na comunicación entre as federacións que conforman a PAP e definir unha liña de acción concreta conxunta, así como aumentar a capacidade de traballo colaborativo e lograr un impacto de resultados positivos no OUFF.

PAP está formada por tódalas federacións de produción audiovisual do Estado. Inclúense:

  • AECINE: Asociación Estatal de Cine.
  • DIBOOS: Federación Española de Produtores de Animación e VFX.
  • MAPA: Federación territorial composta por 10 Asociacións de Produtoras – Independentes de diferentes comunidades autónomas, entre as que se encontra AGAPI.
  • PIAF: Federación de Asociacións de Produtoras Independentes composta por 7 asociacións de diferentes comunidades autónomas.
  • PROA: Federación de Asociacións de Produtoras Estatales composta por 7 asociacións, das cales 5 son sectoriais e 2 están adheridas a outras CCAA.
  • PROFILM: Asociación de Produtoras que ofrecen servizos a rodaxes internacionais en España.

O OUFF · Ourense Film Festival terá lugar do 26 de setembro ó 5 de outubro de 2025 coorganizado pola Diputación de Ourense e a Asociación Luarada.