4 de Setembro de 2025
  • O OUFF celebra o centenario de Angela Lansbury cun ciclo de tres películas o 27 e 30 de setembro e o 2 de outubro, e homenaxea a Carmen Martín Gaite o 28 de setembro cunha proxección especial.
  • O acceso ás proxeccións destas sesións será libre e de balde

O OUFF incorpora este ano Agarimo, unha nova sección pensada para recoñecer con tenrura e respecto a figuras inesquecibles do cine e da cultura. Nesta primeira edición, o festival rende homenaxe a Angela Lansbury no centenario do seu nacemento cun ciclo de tres películas emblemáticas da súa filmografía, todas con entrada libre: Luz que agoniza, o sábado 27 de setembro ás 19:30 h no Teatro Principal, El mensajero del miedo, o martes 30 de setembro ás 18:00 h no Centro Cultural Marcos Valcárcel, e Muerte en el Nilo, o xoves 2 de outubro ás 18:00 h no mesmo espazo.

Tamén no marco de Agarimo, o OUFF lembrará á escritora Carmen Martín Gaite coa proxección de balde da súa obra Emilia… parada y fonda, o domingo 28 de setembro ás 22:00 horas no Teatro Principal.

Angela Lansbury é considerada unha das grandes figuras da interpretación do século XX, cunha carreira que abarca máis de sete décadas no cine, teatro e televisión. Conquistou Hollywood desde moi nova, traballando con directores de prestixio como Cecil B. DeMille e David Lean, e consolidouse como unha lenda de Broadway, onde gañou seis premios Tony. Entre os seus numerosos recoñecementos destacan un Oscar honorífico, seis Globos de Ouro, un Grammy e o título de Dama do Imperio Británico. En televisión, alcanzou fama mundial co seu papel de Jessica Fletcher en Se ha escrito un crimen, serie na que tamén participou como produtora executiva e creativa. A súa versatilidade levoua tamén a dar vida a personaxes memorables no cinema de animación, como Mrs. Potts en La bella y la bestia.

Pola súa banda, Carmen Martín Gaite foi unha das voces máis destacadas da literatura española contemporánea. Tras comezar na poesía, debutou na narrativa con El balneario, obra coa que gañou o Premio Café Gijón. A súa consagración chegou con Entre visillos, galardoada co Premio Nadal, que a situou como unha das principais narradoras da súa xeración. Académica da Real Academia Española desde 1987, Martín Gaite ampliou a súa influencia cultural participando como guionista en series de televisión como Santa Teresa de Jesús e Celia.

O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025 coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada.