
- Catro proxectos audiovisuais serán presentados no Ceres 1894
- Os actos terán lugar os días 30 de setembro, 2 e 4 de outubro
O OUFF · Ourense Film Festival reforza a súa aposta polo talento galego coa creación de Xanela, unha sección destinada a dar visibilidade a proxectos audiovisuais en proceso de desenvolvemento. Esta iniciativa nace co obxectivo de apoiar cineastas e produtores da terra, amosando o avance das súas obras e promovendo o intercambio de ideas.
Nesta edición, o festival acollerá catro propostas que destacan pola súa clara vocación de promover Galicia como referente cultural e creativo. As presentacións terán lugar os días 30 de setembro, 2 e 4 de outubro no espazo Ceres 1894, converténdose nun punto de encontro clave para o futuro do audiovisual galego.
A primeira xornada de Xanela estará adicada á serie Pensión Incompleta, coproducida por EITB, 3Cat e TVG xunto con Voz Audiovisual. Producida por Fernanda Tabarés e escrita por Sergio Campo Almeida, a trama mestura humor e misterio arredor do roubo de dúas obras culturais en Euskadi e Cataluña. Dous axentes infíltranse como pai e filla nunha excursión por Galicia para resolver o caso. A serie, que se poderá ver na TVG, presentarase o xoves 2 de outubro, ás 12 horas, no Ceres 1984.
O martes 30 de setembro, ás 12 da mañá, amosarase o estado actual de Cinema Paradiso Leiro e Habitar o baleiro. O primeiro, dirixido por Simone G. Saibene, afonda na figura de Ernesto Romero, mítico proxeccionista do Novo Cine de Leiro, e marca un novo capítulo na traxectoria do autor de 9 ondas e Pelerinaxes. O segundo, é unha proposta que parte da exposición fotográfica de Brais Lorenzo para explorar o paradoxo do rural galego: o despoboamento acelerado fronte a iniciativas que buscan resignificar estes territorios.
A última das presentacións de Xanela terá lugar o sábado 4 de outubro ás 11:00 no espazo Ceres 1894, coa exposición de Almas ao unísono. Codirixida por Pablo Gómez Sala e Sara Blas Bolonio, especialistas en cine doméstico e memoria audiovisual, a obra rende homenaxe á amizade entre o escultor Manuel Buciños e o pintor Xavier Pousa, falecido hai vinte e catro anos. A través dun valioso arquivo en Super 8, o proxecto reconstrúe a súa vida cotiá, os espazos da súa obra e a evolución de Galicia ata a democracia, nun relato coral sobre arte, afecto e memoria.
O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025 coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada.







