
-
A nova Calpurnia, creada por Manuel Buciños, é símbolo do cinema e da identidade renovada do OUFF
-
César Fernández mantén o firme compromiso da Deputación co OUFF, considerando o festival como un «eixo estratéxico das nosas políticas culturais»
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu a presentación oficial da nova Calpurnia, escultura emblemática do Ourense Film Festival (OUFF), redeseñada con motivo do 30 aniversario do certame polo escultor Manuel Buciños. O acto reuniu a representantes institucionais e culturais nunha homenaxe á identidade audiovisual da cidade e da provincia.
Na presentación participaron o vicepresidente segundo e deputado de Cultura da Deputación de Ourense, César Manuel Fernández Gil; o director artístico do festival, Óscar Doviso; o director técnico, Marcos Vázquez; e o escultor Manuel Buciños, autor da peza e figura recoñecida pola súa gran traxectoria artística.
Unha vez presentado o novo deseño ante os asistentes, Óscar Doviso compartiu a súa visión sobre o redeseño que «agora está perfectamente definido en primeiro termo porque a figura que había era un plano xeral e ímonos achegando un pouquiño máis a verlle ese rostro á Calpurnia». Doviso agradeceu o privilexio de poder contar co seu autor orixinal «aínda que inicialmente nos daba un pouco de pavor porque despois de tantos anos coa mesma peza, como plantexarlle a alguén que non nos coñece a ilusión que nos faría a renovación desa peza». Salientou tamén que «no momento que lle propuxemos este cambio notamos tamén que el se ilusionaba e penso que nese intre xa podía redeseñar o premio». A súa intervención finalizou cun agradecemento público á todos os patrocinadores e colaboradores neste proceso, «ós que conseguimos ilusionar de novo con este festival que chega á trintena».
Buciños inspirouse nas actrices clásicas para o novo deseño
Durante o acto tamén interveu o escultor Manuel Buciños que tomou a palabra para compartir a súa visión. Declarou que se lle veu á cabeza para facer a escultura un recordo de cando era rapaz, «porque o importante para min no cine non eran os directores, o importante eran as actrices». Así, explicou que se inspirou «nas caras clásicas das actrices» e que o que quixo facer é unha «cara interesante, bonita».
Expresou ademais que, a pesar de non ser un artista que innove demasiado, neste caso si o fixo, porque quixo facer unha cousa nova que non tivese nada que ver coa Calpurnia que había antes xa que «aínda que teñan que ver unha coa outra, está ben que teñan que ser distintas completamente porque son 30 anos».
Pola súa banda, o vicepresidente segundo e deputado de Cultura da Deputación de Ourense, César Fernández, puxo en valor a Calpurnia como «símbolo de identidade» e felicitou ó autor, Manuel Buciños, lembrando que a institución ourensá teno recoñecido como Fillo Adoptivo da Provincia. Ademais, Fernández reafirmou o compromiso da Deputación de Ourense co futuro do OUFF, definindo o festival como «eixo estratéxico das nosas políticas culturais».
Unha obra de arte coa implicación directa do artista
O galardón do OUFF diferénciase dos doutros festivais de cinema porque, mentres que os premios máis habituais adoitan ser xoias, este é unha auténtica obra de arte. Ademais, conta coa implicación directa do propio artista, o que lle achega un valor simbólico moi especial para o festival.
O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025, coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada.







