13 de Setembro de 2025
  • Na cita, organizada por Academia Galega do Audiovisual, participarán oito institucións
  • Ademais, daranse a coñecer novos Lugares de Interese Cinematográfico, unha distinción que xa teñen a Aldea de Facós ou Allariz

O OUFF · Ourense Film Festival é o escenario escollido para celebrar o noveno Encontro de Academias de Cine e Audiovisual da Península, organizado pola Academia Galega do Audiovisual. A cita, que terá lugar entre os días 30 de setembro e 2 de outubro, ten como obxectivo crear un espazo de diálogo e colaboración entre as diferentes institucións do sector. Participarán as Academias de Cine de Andalucía, Aragón, Asturias, Cataluña, Extremadura, Galicia, Valencia e Portugal.

No transcurso do Encontro celebraranse reunións de traballo internas por parte das oito academias que se reúnen este ano. A idea é a posta en común das problemáticas ás que se enfrontan, tecer redes de cooperación, partillar experiencias, identificar desafíos comúns e buscar estratexias conxuntas que contribúan ao fortalecemento e á proxección do audiovisual nos distintos territorios.

Un dos puntos fortes do encontro será o anuncio dos novos lugares que obteñen a distinción LIC (Lugares de Interese Cinematográfico), unha iniciativa do conxunto das Academias que busca recoñecer e pór en valor espazos significativos para a memoria e o patrimonio do cinema.

En edicións anteriores, Galicia propuxo dous lugares que recibiron a distinción: a Aldea de Facós, A Lobeira (Ourense), escenario da rodaxe en 1940 de O carro e o home, película etnográfica de Antonio Román e Xaquín Lorenzo “Xocas”, considerada unha das obras fundacionais do cinema galego; e Allariz (Ourense), vila histórica declarada Conxunto Histórico Artístico, protagonista de filmes como A lingua das bolboretas de José Luis Cuerda e, máis recentemente, Cuñados ou A mazá de ouro. Este ano, todas as academias participantes anunciarán as localidades designadas como novos Lugares de Interese Cinematográfico nun evento que terá lugar o día 1 de outubro no marco do OUFF.

O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025 coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada. Entre as novidades xa coñecidas desta 30 edición, destacan novas seccións como Xeración OUFF ou Agarimo, a residencia audiovisual para creadores mozos Faíscas ou a entrega de Calpurnia de Honra ao cineasta Daniel Guzmán.