22 de Setembro de 2025
  • O mércores presentarase na Libraría Tanco O Cineísta Andarengo de Manolo González
  • A actriz Ruth Gabriel protagonizará o segundo encontro o sábado co seu libro Mujeres de Cine

O OUFF · Ourense Film Festival reafirma, un ano máis, a súa aposta pola cultura en todas as súas formas, acollendo os xa consolidados Encontros Literarios, unha actividade paralela que celebra a profunda relación entre cinema e literatura. Ensaios, memorias, investigacións e ficcións teñen contribuído a enriquecer a historia cinematográfica, e o OUFF quere ser tamén espazo para a súa difusión e reflexión. Nesta edición, a número trinta, o festival contará con dúas presentacións destacadas que propiciarán o encontro entre público e protagonistas, xerando conversa e debate arredor do audiovisual e da escrita. A actividade conta coa colaboración especial das librarías ourensás Tanco e Eixo, as que se suma este ano a cafetería Ceres 1984.

O Cineísta Andarengo, de Manolo González

O mércores 24 de setembro, ás 20:00 horas, preséntase na Libraría Tanco o libro O Cineísta Andarengo de Manolo González, activista do cinema e do audiovisual galego dende hai corenta anos. Nesta obra vemos unha viaxe á Galicia dos anos 20 e 30 da man de Bernardino de

Lamas, pseudónimo do xornalista ferrolán Alfonso Piñón, cineísta afeccionado que filmou preto de trescentas películas coa súa cámara Pathé Baby. Esta obra reivindica o cinema amateur como expresión de amor pola vida e pola imaxe, afastado da narrativa profesional pero profundamente revelador. Unha homenaxe aos pioneiros que filmaban por pracer, por costume, por paixón.

Mujeres de Cine, de Ruth Gabriel

O segundo momento destes Encontros Literarios terá lugar o sábado 27 de setembro, ás 12:30 horas, no Ceres 1984 e coa colaboración da Libraría Eixo. Mujeres de Cine, de Ruth Gabriel, achega ao público a historia de 30 actrices clásicas do cinema español, nadas entre 1900 e 1965. A través de relatos inéditos e ilustracións de Vanessa Santos Fraules, o libro rescata figuras como Carmen Sevilla ou Verónica Forqué, revalorizando o seu legado e ofrecendo referentes ás novas xeracións. O prólogo corre a cargo da directora Paula Ortiz. Ruth Gabriel, actriz e escritora, compartirá neste acto a súa experiencia e visión sobre estas mulleres que marcaron época.