
-
O comunicador ourensán escribe e dirixe as galas da 30ª edición do OUFF
-
Esta noite exercerá, ademais, do presentador da cita inaugural xunto coa actriz Ruth Gabriel
O talento ourensán emerxe por todas partes. Boa mostra disto é o comunicador Iván Iglesias, que esta noite presentará a gala de inauguración do OUFF · Ourense Film Festival xunto coa actriz Ruth Gabriel. Pero que, ademais, exerce de guionista e director tanto da gala desta noite como da de clausura do vindeiro sábado. Ante este reto, Iglesias amosouse «coa intención de que estas galas sexan unha cousa máis levadeira, máis movida, entretida… porque as galas, por definición, son tediosas». Neste sentido, o comunicador prometeu que mentres que a cita desta noite vai ser «máis pequeñina», a de clausura será «máis loca».
De momento, esta noite Iván Iglesias escribe, dirixe e presenta unha gala inaugural na que busca que o público ourensán descubra tódalas actividades que lles esperan durante 10 días na cidade. «A miña maior preocupación está en dicir cousas, en tratar de deixalo claro», recoñece. Na gala de hoxe, ademais, recibirán os seus premios honoríficos o compositor José Manuel Cancela e a actriz de dobraxe Charo Pena.
Para a cita do sábado 5, que presentarán a comunicadora Lucía Rodríguez e o actor Secun de la Rosa, sente a presión de escribir para eles, pero tamén de facer amena una gala na que se entregarán 14 galardóns.
Xornalista e comunicador, Iván Iglesias comezou como técnico audiovisual no Diario do Támega e fundou OU ké!, medio nativo en redes que aborda con humor a realidade social e política de Ourense e Galicia. É reporteiro en Hora Galega da TVG e membro da Academia Galega do Audiovisual.







