
- A súa última película como director, Playa de Lobos, abre esta noite a 30ª edición do OUFF · Ourense Film Festival
- O galego destacou o papel do humor para achegar ó público e a importancia das salas do cine, «o espazo natural das películas»
Para Javier Veiga, guionista e director de Playa de lobos, a película inaugural do OUFF · Ourense Film Festival, abrir a 30ª edición do certamen é «cerrar un círculo», despois de que a súa última longametraxe fora rodada na cidade. Ademais, agarda con ilusión, dixo, a estrea da película no Auditorio Municipal, con entradas esgotadas, porque «gusta ver as películas nunha sala chea», xa que «as salas de cine son o seu espazo natural».
Veiga, que presentou esta mañá Playa de Lobos, definiu o filme como «un thriller psicolóxico con moito humor», e destacou o papel da comedia para achegar ó público todo tipo de historias. «O humor actúa como vaselina para que entren con máis facilidade», dixo.
Unha traxectoria vencellada a Ourense
Director, guionista, actor, dramaturgo, humorista, produtor, conta cunha longa traxectoria, e está vencellada ó noso festival e a Ourense. Javier Veiga comezou a súa carreira no cine coas curtametraxes Sálvame e De qué se ríen las hienas, que lle valeron máis de 200 premios en festivais nacionais e internacionais. En 2018, dirixiu a serie Pequeñas coincidencias da que escribiu e protagonizou tres tempadas. Foi a primeira produción española de Amazon. Amigos hasta la muerte foi a súa primeira longametraxe e foi rodada íntegramente en Ourense. Playa de lobos é a segunda.
Playa de Lobos terá a súa estrea en Galicia esta noite
Playa de Lobos é unha comedia protagonizada por Guillermo Francella e Dani Rovira, na que tamén participan Marta Hazas, Antonia San Juan e o propio Veiga. A trama comeza nun bar de praia cunha discusión entre dous descoñecidos, un turista e un camareiro do local. A película chegará ás salas do país o 5 de decembro, polo que os espectadores do OUFF poderán gozar dela con dous meses de antelación. Un pouco máis adiante, poderá verse en Arxentina, onde Veiga agarda moi boa recepción, xa que Francella «é un fenómeno de masas» nese país.
O OUFF · Ourense Film Festival celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025 coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada. Esta edición, a número 30, vén chea de novidades, entre elas, seccións coma Colleita, Xanela, Agarimo ou Xeración OUFF.







