
- O seu filme Deuses de Pedra compite na Sección Oficial Panorama Galicia
- O director asistirá hoxe ás 22 horas ao pase do Teatro Principal e participará nun coloquio trala proxección
O cineasta ourensán Iván Castiñeiras presentou esta mañá en rolda de prensa a súa película en competición de Sección Oficial Panorama Galicia Deuses de Pedra. Estivo acompañado por Marcos Vázquez, director técnico do OUFF, que quixo salientar que “estamos ante un dos pratos fortes desta edición, unha peza poética” antes de agradecerlle “o enorme esforzo que fixo por estar hoxe aquí”.
Rodada ao longo de quince anos, Deuses de pedra é a primeira longametraxe de Castiñeiras que comezou a súa intervención “agradecido de estar aquí, xa que eu son da terra”. Sobre este filme tan característico comentou que “é unha película caleidoscópica, concentrada nunha familia e no crecemento dunha nena, cun proceso de rodaxe de quince anos e rodada na fronteira entre Galicia e Portugal”. Ante esta peculiariedade afirma o director que cada ano pasaba un tempo rodando con esta familia, que “se converteu na miña familia por completo”.
“É unha forma de entender as miña raíces, xa que eu coñecía os mitos da zona da raia e, especialmente, do contrabando. Empecei a investigar e descubrín que moita xente se dedicaba a iso, incluso na miña familia” afirma sobre como se iniciou no proceso de produción do filme. De feito, explica que “cando empecei fixen unha curta, A Raia, pero despois dinme conta de que quedaba moito máis por escavar”.
Iván Castiñeiras traballa habitualmente como director de fotografía para outros e que sabe ben que “non hai cine sen esforzo. Neste caso estiven traballando durante anos só, conciliando o meu traballo con esta película, pero ó acabar todo o proceso sentín unha gran satisfacción”.
Deuses de Pedra foi estreada no Festival de Rotterdam algo que o seu director define como “moi favorable, xa que empezas nun festival de categoría A e iso abre moitas portas. De feito, xa estivemos en máis de 25 festivais”. Cando nunha única fin de semana gañaron cinco premios en varios deles “foi toda unha sorpresa, moi inesperado, porque é unha película pequena”.
Hoxe quixo animar a todo o público ourensán a visionar esta película xa que “é unha peza moi especial, fóra de uso e que os pode tocar a nivel emocional. Ademais, pode levalos por camiños diferentes dos que están acostumados. Tamén ten un toque de humor sutil”. Esta noite estará presente na proxección do Teatro Principal xunto con dúas das actrices do filme.
Iván Castiñeiras é licenciado en Historia da arte pola Universidade de Santiago de Compostela e en Cinema polo Conservatorio Nacional de Cinema de Lisboa-ESTC, completou os seus estudos en dirección de fotografía na École nationale supérieure Louis-Lumière de París. En 2020 participa no programa Berlinale Talent Campus e é seleccionado como artista membro da Academia de Francia Casa de Velázquez. É director das curtametraxes como A raia (2012), o Où est la jungle? (2015).







