27 de Setembro de 2025
Encontro literario con Ruth Gabriel
  • A tamén actriz, e presentadora da gala inaugural, participou nos encontros literarios que organiza o Ourense Film Festival.

  • Mujeres de cine é unha fiestra á vida de 30 actrices clásicas do cinema español, e conta con ilustracións de Vanessa Santos “Fraules”.

A actriz e escritora Ruth Gabriel participou este sábado nun encontro literario no marco da 30ª edición do OUFF · Ourense Film Festival para presentar o seu libro Mujeres de cine, un percorrido pola vida de 30 actrices clásicas do cinema español. «Hai actrices que me emocionan, que me inspiran, pero comezar a seguir as súas vidas foi un acto terapéutico», confesou a autora. Entre as mulleres ás que homenaxea o libro figuran Susi Sánchez, Julieta Serrano, Marisol, Concha Velasco o Marisa Paredes, por citar só algunhas. Ou, en palabras da propia Ruth Gabriel, «mulleres extraordinarias que son capaces de ser tamén creadoras extraordinarias».

Mujeres de cine, da editorial Libros de las Malas Compañías, recolle, ademais, as ilustracións que Vanessa Santos “Fraules” fixo destas actrices. De feito, a orixe da obra foron estes debuxos. «Cando recibín o dossier da ilustradora, imaxinei de súpeto este libro firmado por outra e deume rabia, é unha destas cousas das que unha se arrepinte se nos as fai», explicou Ruth Gabriel no encontro que tivo lugar na cafetería Ceres. Agora, este libro supón «o soño de agradecer a estas mulleres que encheron o noso corazón con esceas inolvidables, que foron as influencers da súa época».

Encontro literario con Ruth Gabriel

Ruth Gabriel, 45 anos de traxectoria

Ruth Gabriel (Cádiz, 1975) é filla do actor Ismael Abellán e da escritora Ana Rossetti, e comezou a traballar aos cinco anos en programas de televisión como La Cometa Blanca e Barrio Sésamo. Empezou no mundo do cinema da man de Imanol Uribe coa película Días Contados, pola que gañou o Goya á Mellor Actriz Revelación (1995), entre outros galardóns. Na actualidade, Ruth Gabriel é tamén profesora de interpretación e de comunicación e, como escritora, publicou varios poemarios.

Os encontros literarios son unha das actividades paralelas do OUFF · Ourense Film Festival, que se está a celebrar ata o 5 de outubro de 2025 coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada. O encontro deste sábado completouse cun particular bingo homenaxe as 30 actrices do libro.