29 de Setembro de 2025
  • Laura Tablón, produtora, e Gustavo Schiaffino, director de fotografía, presentaron a película
  • El Mensaje foi premiada no Festival de Cine de Berlín co Oso de Plata Premio do Xurado

Dentro das presentacións do luns no OUFF · Ourense Film Festival houbo oco para o equipo de El Mensaje, película que compite na Sección Oficial Internacional. Participaron na presentación no Centro Cultural Marcos Valcárcel Laura Tablón, produtora, e Gustavo Schiaffino, director de fotografía, recén chegados dende o festival de San Sebastián.

O director artístico do OUFF, Óscar Doviso, agradeceulles a súa presenza e felicitounos pola boa acollida que o filme está tendo en tantos países. El mensaje, coprodución entre Arxentina, España e Uruguai, vén de ser premiada no Festival de Cine de Berlín co Oso de Plata –  Premio do Xurado e con varios premios no Festival de Cine de Pekín.

Laura Tablón comentou que están “moi contentos co percorrido da película. Estreouse en Berlín e xa obtivemos premio, unha gran alegría. Este é o noso segundo festival en España despois de estar en San Sebastián. Ademais xa temos distribuidora aquí, o que sempre é unha boa noticia”. Sobre a película explicou que se trata dun filme “para ver no cine que rodamos en 12 xornadas en Arxentina. É unha película que fai ben á alma e que nos conecta co máis primario”.

O cineasta arxentino Iván Fund escribe e dirixe a película e, sobre a súa figura, Gustavo Schiaffino contou que “decidimos facer esta película porque somos un equipo que levamos moitos anos traballando con Iván. Podemos dicir que somos un equipo mixto e que nos complementamos moi ben. Isto é importante porque o sistema de rodaxe de Iván se condensa no que sucede e para iso hai que ter unha gran dispoñibilidade técnica”.

Tamén engadiu que “como dice Iván: os premios pasan e as películas quedan, pero si que visibilizan” en referencia á traxectoria de galardóns que están recollendo. Preguntado polo uso do branco e negro comentou que “xurdiu polo desexo do director. Cando estabamos filmando, o segundo ou terceiro día díxome ‘é en blanco e negro’ e así foi. Ademais de xenerarnos máis control sobre a imaxe, tamén lle daba un halo místico e máxico”.

A produtora quixo engadir que para ela, El Mensaje “é unha película de resistencia, artesanal. Está feita case en cooperativa xa que levamos moitos anos facendo películas xuntos. Tiñamos poucos fondos de inicio pero entregámonos ó proxecto”. Ademais aproveitou para falar sobre a delicada situación que se vive no país xa que co goberno actual “non se fixo nin unha película, o que é gravísimo e moi triste xa que o estado debe acompañar á cultura. Esta é a primeira película que fago que non leva o logo do cine arxentino”.

Os dous integrantes do equipo de El Mensaje estarán hoxe presentes na proxección das 22 horas nos cines do Ponte Vella e participarán nun coloquio con tódalas persoas que acudan. Tamén haberá un pase para os que non poidan acudir hoxe á sala o vindeiro mércores, día 1, ás 17:00 horas.