
- O filme, estrea en Galicia, proxéctase esta noite no Teatro Principal dentro da sección Colleita
- O director Buttini participou no festival en 2010 co documental Emilia, e o actor Gómez como xurado en 2004
Mr. Nadie conta a historia de Daniel, un vagabundo que vive na rúa, non fala con ninguén e esconde un segredo. O filme estréase en Ourense no marco do OUFF e foi presentado esta tarde polo seu guionista e director, Miguel Ángel C. Buttini, e polo actor Félix Gómez, quen dá vida ao protagonista.
Para Buttini, esta película amosa «a sociedade española desde abaixo», unha sociedade que «cada vez é mais egoísta», e fala de temas como a soidade, a redención e o sentimento de culpa. Coa historia de Daniel, un alto directivo dunha multinacional que acaba vivindo na rúa, Buttini quere transmitir a idea de que «me pode pasar tamén a min».
Félix Gómez, pola súa banda, regresa ó OUFF máis de 20 anos despois de participar como xurado no festival, e faino cun filme onde leva o peso principal. «Calquera de nós podemos acabar nesta posición, pero non o pensamos». Gómez, que observou durante semanas ás persoas sen teito que viven en Madrid, confesou que o máis dífícil foi encontrar a voz desta personaxe.
Mr. Nadie chega a Ourense como parte da sección Colleita, que recolle os últimos traballos de cineastas vencellados co festival. No caso de Buttini, en 2010 presentou o documental Emilia, centrado na figura de Emilia Pardo Bazán. O filme estreouse en salas en agosto, e está a ter unha moi boa acollida, comentan os seus responsables. O público ourensán terá a oportunidade de velo esta noite, no Teatro Principal.







