29 de Setembro de 2025
  • Mi ilustrísimo amigo compite na Sección Oficial Panorama Galicia
  • A directora asistirá esta noite ó pase do Teatro Principal ás 22 horas

Paula Cons volve ó OUFF · Ourense Film Festival tralo seu éxito con A Illa das Mentiras no ano 2020. A cineasta galega concorre nesta ocasión na competición da Sección Oficial Panorama Galicia co seu novo filme Mi ilustrísimo amigo, que presentou esta mañá ante os medios de comunicación, e que se estrea en Galicia dentro do marco do festival.

Óscar Doviso, director artístico do OUFF, deulle a benvida e presentou unha película que “fala dunha historia de paixón entre Emilia Pardo Bazán e Benito Pérez Galdós”. A historia central é a relación epistolar de amor vivida entre a escritora galega e o literato canario, que quedou plasmada nas cartas dela (inda que ambos prometeran destruilas) e que incluso se publicou en dous libros.

Para Paula Cons é un filme “ambientado a finais do s. XIX pero moderno. É unha película super entretida, accesible e bonita”. Inda que nas cartas se viven momentos de moita paixón, para a directora “estaba fóra de lugar ser explícitos. Digamos que é moi sensual e cunha carga erótica. Eu diría que é unha película táctil, con momentos nos que queda suficientemente respirado o ambiente entre eles”.

A directora tamén comentou que “podería facerse un paralelismo cunha historia de amor de WhatsApp de hoxe en día. Ela incluso fai debuxos que son como so emoticonos actuais e varias mulleres xa me comentaron que é como unha historia actual”. Ante a situación de poñerse ante unha persoa tan especial como Emilia Pardo Bazán, á que “como era imposible atacar polo seu intelecto, facíano polo seu físico, como sucedería hoxe en día”, Paula dixo que “me daba un pouco de medo estar á altura dela, pero que hai que ser un pouco tola e tirar para diante”.

A directora quixo salientar o papel dos actores protagonistas Lucía Veiga e Paco Déniz que “fixeron un traballo fantástico. A película está sostida sobre eles dous e a súa química. Entenderon que debían estar sintonizados pero sen tocar a mesma nota dende o minuto un”. Pechou a súa intervención falando da boa acollida que está a ter Mi ilustrísimo amigo e da que se amosa “sorprendidísima. Ten varios premios en festivais e a recepción do público está a ser boísima. Eu sabía que o filme podía interesar pero non esperaba que fose a este nivel”.

Paula Cons asistirá esta noite ó pase da película no Teatro Principal de Ourense ás 22 horas e participará nun coloquio co público tras finalizar a proxección. O filme poderá verse de novo mañá nos cines Ponte Vella ás 17:00 horas.