30 de Setembro de 2025
Avances de Xanela
  • Un avance de Cine Paraíso, Leiro e de Habitar o baleiro puido verse hoxe en Xanela, a sección do OUFF que busca dar visibilidade a proxectos en desenvolvemento

  • Cine Paraíso, Leiro conta a historia do cine de Leiro e o seu responsable, mentras que Habitar o baleiro indaga nas sombras e luces do rural galego

Dous novos documentais ourensáns que se están a rodar na actualidade amosarán ao público historias do rural galego, e hoxe presentaron os seus primeiros avances en Xanela, a sección do OUFF · Ourense Film Festival que busca dar visibilidade a proxectos aínda en proceso de desenvolvemento. Para Óscar Doviso, director artístico do festival, o obxectivo é evitar que Ourense siga sendo «a provincia galega que menos contidos xenera».

Cine Paraíso, Leiro é o novo traballo do director Simone G. Saibene e conta a historia do cine de Leiro (Ourense) e do seu responsable, Ernesto Romero. Según sinalou o cineasta, «é unha historia de resistencia, dun proxeccionista que vive nas sombras pero sen o que non podemos ver películas». Este home é Romero, quen xerenta o Novocine Leiro, con proxeccións todas as semanas e que tivo a honra de ser o primeiro cine 3D de Galicia. Para Saibene, moi vencellado co OUFF e que comezou a rodar o documental en 2022, é a súa cuarta longametraxe como director.

Habitar o baleiro é un documental que aborda a complexidade do mundo rural e a necesidade de preservalo. Segun comentou un dos seus responsables na presentación do avance, o fotógrafo e produtor executivo da peza Brais Lorenzo, «a idea principal é amosar as sombras e as luces do proceso que está a experimentar o rural en Galicia. Eu diría que, a nivel xornalístico, non hai nada máis relevante agora mesmo para traballar no noso país, porque hai moitos subtemas ou cuestións relacionadas, como, por exemplo, os incendios forestais, nos que incide o abandono do territorio».

Pola súa banda, Cláudia Morán, xornalista e produtora, sinalou que «o rural ten moitas posibilidades de ser, pero non pode ser porque non hai recursos, non se está apostando por él». Neste sentido, o guionista e director Miguel Riaño tamén subliñou «a loita das persoas que viven no rural por poder vivir alí».

O documental é a culminación dun proxecto que comezou coas fotografias de Brais Lorenzo e os textos xornalísticos de Cláudia Morán para a exposición do mesmo nombre. A película conta co apoio do OUFF e da Deputación de Ourense, ademais do financiamento dunha campaña de micro-mecenado, e ten a súa presentación oficial prevista para o vindeiro ano no marco do festival.

Nos vindeiros días, Xanela achegará a Ourense outros dous novos proxectos en proceso de desenvolvemento, a ficción Pensión Incompleta e o documental Almas ao unísono. A cita será, como hoxe, no espazo Ceres 1894, onde poderán verse avances destes traballos.