30 de Setembro de 2025
  • O filme terá a súa segunda proxección no festival mañá mércores, ás 17:00h, no Teatro Principal, coa participación da súa directora, Lucía Dapena.

Esta mañá, o Centro Cultural Marcos Valcárcel foi escenario da presentación de O silencio herdado, película incluída na Sección Oficial Panorama Galicia. Dirixida por Lucía Dapena e estreada o pasado luns, a cineasta acompañará mañá mércores a proxección do filme no Teatro Principal, prevista para as 17:00 horas.

O filme narra unha historia íntima da directora, centrada nos encontros e desencontros coa súa avoa arredor dun segredo familiar: o seu avó foi recluído en varios campos de concentración franquistas e nun campo de escravos do réxime. Lucía Dapena sinala que, entre as numerosas valoracións recibidas sobre o filme, unha das que máis a emocionou foi a dunha espectadora da proxección do pasado luns en Ourense, quen afirmou que «na película falaban dúas feridas». Por unha banda, a da súa avoa Elidia, marcada pola necesidade de protexer e manter o silencio arredor dun segredo familiar; por outra, a súa propia, que «necesitaba da palabra para poder sanar».

Segundo as propias palabras de Dapena, a obra é unha «exploración do silencio da súa avoa» pero tamén «do silencio en sí mesmo», para entender que está cheo, que non é algo baleiro, e que pode incluso «contar máis cas propias palabras».