
- O director asiste hoxe a súa proxeción no Teatro Principal
Alejandro Enríquez, xa presente na primeira proxección do filme en Ourense, deu a coñecer esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel Rapa, xente ao monte, un documental que contará cunha segunda proxección mañá mércores 1, ás 22:00h, nos Cines Ponte Vella.
Rapa, xente ao monte, segundo palabras de Enríquez, revela o lado menos visible da festa tradicional da Rapa das Bestas de Sabucedo. O director confesou que levaba anos asistindo ao evento, pero «nunca tivo intención ningunha de facer un documental» ata que comezou a implicarse activamente nesta tradición. Foi entón cando se decatou de que a realidade non estaba a ser contada: «a complexa relación entre o territorio, a xente e a vida salvaxe», a historia dun triángulo esquecido que ninguén estaba a narrar.
O documental pon o foco nunha realidade agochada: a desaparición progresiva das bestas no monte e o esmorecemento da comunidade que as rodea. Mentres miles de persoas acoden cada ano á festa, poucos reparan na verdadeira loita que se libra fóra do foco: a defensa dun territorio cada vez máis baleiro, onde os conflitos dos cabalos reflicten os da propia aldea.







