
- O encontro reafirma o compromiso das academias por fortalecer vínculos e impulsar o audiovisual ibérico
- Os representantes das academias anunciaron en Ourense os novos espazos LIC (Lugares de Interese Cinematográfico)
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle o IX Encontro de Academias de Cine e Audiovisual da Península organizado pola Academia Galega do Audiovisual. O encontro prolongarase ata mañá xoves e busca fomentar un espazo de diálogo e colaboración entre as distintas institucións do ámbito audiovisual. Participarán as Academias de Cine de Andalucía, Aragón, Asturias, Cataluña, Extremadura, Galicia, Valencia e Portugal.
Carmen Méndez, vicepresidenta primeira da Academia Galega do Audiovisual, foi a encargada de dar a benvida ós participantes, destacando a importancia de «xuntar esforzos, identificar desafios comúns e traballar todos conxuntamente en estratexias que fortalezan a nosa visibilidade». Ademais agradeceu a asitencia a todas «as academias presentes, ó OUFF pola acollida no marco deste festival de recoñecida referencia en Galicia e á Deputación de Ourense».
Tomou a palabra Pablo Troncoso, presidente da Academia Portuguesa de Cinema, centrando o seu discurso en tres eixos: «agradecemento, lembranza e proxección de futuro». Comezou expresando o seu recoñecemento á Deputación de Ourense pola súa aposta decidida neste festival que reúne ás Academias Ibéricas, así como á Academia Galega polo seu compromiso en manter vivo este espazo de encontro e intercambio de ideas e conviccións. Evocou con emoción o primeiro encontro celebrado na Coruña hai máis de oito anos, destacando a importancia da memoria compartida. Finalmente, mirou cara o futuro, manifestando o desexo de explorar novas iniciativas que reforcen a colaboración entre as academias.
Óscar Doviso, director artístico do OUFF · Ourense Film Festival, expresou a súa satisfacción por acoller encontros como o da Academia Galega do Audiovisual, que enriquecen o festival, e agradeceu á Deputación de Ourense o seu apoio, clave para facer posible este tipo de iniciativas. Subliñou que, «nun mundo cada vez máis dixital, é fundamental recuperar a presencialidade: xuntarse, compartir ideas cara a cara e crear novas sinerxías que impulsen o audiovisual desde a proximidade e o diálogo directo».
O último en intervir foi César Manuel Fernández Gil, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, quen agradeceu sinceramente ás academias a súa presenza na cidade. Subliñou que a Deputación leva anos apostando por unha alianza estratéxica coa Academia Galega do Audiovisual, «convencida da importancia de crear espazos de encontro, colaboración e reflexión que permitan avanzar con visión de futuro». Enfatizou, ademais, «o orgullo que supón recibir visitas que permiten descubrir e compartir todo o que Ourense ten para ofrecer ó mundo». Rematou reiterando o seu agradecemento pola sólida alianza coa Academia Galega, clave para facer realidade estes encontros.
Novas incorporacións ós LIC (Lugares de Interese Cinematográfico)
O acto pechouse coa intervención das academias, que presentaron en Ourense os novos espazos distinguidos como Lugares de Interese Cinematográfico (LIC):
- Academia d Cine de Andalucía: Alhambra de Granada
- Academia del Cine Aragonés: A Rambla da Barrachina, Cañóns Vermellos
- Academia del Cine Asturiano: A Conca Mineira
- Academia del Cinema Catalá: Hospital del Tórax (Terrassa)
- Academia de Cine de Extremadura: Mérida
- Academia Galega do Audiovisual: Laxe
- Academia Portuguesa de Cinema: Serra da Estrela
- Academia Valenciana de l´Audiovisual: Cidade de las Artes y de las Ciencias







