
- A cineasta recibiu o Premio á Mellor Ópera Prima española pola súa longametraxe Una quinta portuguesa
- O filme, que puido verse no Teatro Principal, «céntrase nesas outras posibles vidas que un pode ter»
A directora valenciana Avelina Prat estivo esta tarde en Ourense para recoller o seu Premio á Mellor Ópera Prima Española pola película Una quinta portuguesa. A cineasta, acompañada polo director artístico do festival, Óscar Doviso, agradeceu o galardón nun encontro cos medios e recoñeceu que o filme explora a falta de comunicación. «Cómo nos comunicamos cos demáis é a base de calquera relación, e a min paréceme o máis complicado», comentou. «Teño a sensación de que calquera conflicto que se xenera ten unha base na comunicación entre as persoas», afirmou.
Prat tamén quixo destacar o traballo dos intérpretes, Manolo Solo e Maria de Medeiros, «son eles quen poñen a cara, quen fan que a personaxe sexa crible e se faga realidade». Ademais, contou que a película «céntrase nesas outras posibles vidas que un pode ter; todos nalgún momento fantaseamos con ser outra persoa».
Despois deste encontro coa prensa, Avelina Prat dirixiuse ó Teatro Principal de Ourense onde recibiu o galardón da man de Óscar Doviso. A directora reiterou o seu agradecemento ó festival por este recoñecemento e aproveitou para participar nun coloquio cos espectadores despois da proxección de Una quinta portuguesa.

Antes de entrar na industria cinematográfica, Avelina Prat traballou un tempo como arquitecta. A partir de 2004, foi supervisora de guión en máis de 30 longametraxes á beira de directores como Fernando Trueba, Cesc Gai, Manuel Martín Cuenca, Javier Rebollo, David Trueba ou Lucile Hadzihalilovic. Tamén foi programadora no Festival Internacional Cinema Jove de València. Escribiu e dirixiu varios documentais e curtametraxes. Una quinta portuguesa é a súa segunda longametraxe.
O premio á Mellor Ópera Prima española concédese á primeira ou segunda longametraxe dun cineasta, que fora estreada en salas entre a clausura da edición anterior do festival e a inauguración da presente.







