2 de Outubro de 2025
  • A estrea galega do filme terá lugar hoxe no Teatro Principal, mentres que mañá está prevista unha segunda proxección nos Cines Ponte Vella ás 22:00 horas
  • O filme estréase nos cines o vindeiro 24 de outubro

O director Miguel Ángel Delgado presentou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel, San Simón, que desembarca en Ourense xerando gran expectación. A estrea galega deste filme, dentro da Sección Oficial Panorama Galicia, terá lugar hoxe ás 17:00 horas no Teatro Principal, mentres que a segunda proxección está programada para mañá ás 22:00 horas nos Cines Ponte Vella. Ambas sesións colgaron o cartel de «completo». Tras a súa estrea no prestixioso Festival de Donosti, San Simón prepara agora a súa chegada ás salas comerciais o 24 de outubro.

Segundo explica o director, o proxecto naceu a raíz dun encontro persoal coa illa de San Simón, durante unha investigación sobre «illas cárcere». A profunda impresión causada polos feitos acontecidos na illa, e polas vivencias que marcaron a historia de Galicia, motivaron a Delgado a afondar no seu estudo, aínda sen ter definido inicialmente o formato que adoptaría a obra.

Pola súa banda, Valentín Estévez, actor protagonista do filme San Simón, salientou a relevancia de dar visibilidade a esta historia, definida como «necesaria para remover conciencias e abrir espazos de diálogo» porque «aínda hai moito por contar sobre os feitos alí ocorridos». Durante a preparación do seu papel, descubriu que San Simón non fora simplemente unha cárcere, senón un «auténtico campo de concentración».

Ademais, Estévez revelou unha experiencia persoal que o tocou especialmente: grazas á investigación de Miguel Ángel Delgado, soubo que un familiar seu fora recluído na illa. Esta conexión engadiu unha dimensión máis profunda á interpretación do seu personaxe, Lamas.

San Simón narra a evolución da colonia penitenciaria desde a súa apertura ata o seu peche, explorando «as vivencias dos presos, as condicións de reclusión e o impacto directo dos acontecementos históricos na colonia». O personaxe principal, Lamas, está baseado na historia real dun dos reclusos, antigo traballador do ferrocarril de Pontevedra e último secretario do gobernador civil, detido e enviado á illa por esa vinculación, que acabou por converterse no preso máis lonxevo da súa historia.